A Xunta reafirma o seu apoio á incorporación da muller en todos os ámbitos produtivos do rural galego
A conselleira María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou en Abegondo na inauguración da xornada Emprendemento Feminino na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas
A titular de Medio Rural debullou as diferentes medidas implementadas polo seu departamento a prol da muller, entre as que subliñou a súa prioridade nas axudas de incorporación, nos plans de mellora e no desenvolvemento de pequenas explotacións
Salientou a formación como outro xeito de apoiar o emprendemento feminino no rural e lembrou que actualmente nos centros de formación e experimentación agraria dependentes da Consellería preto do 50% do alumnado está formado por mulleres
Abegondo (A Coruña), 22 de maio de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe o apoio do seu departamento á incorporación da muller en todos os ámbitos produtivos do agro e en particular no sector primario. Gómez participou na apertura da xornada Emprendemento Feminino na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, que tivo lugar na sede desta entidade na localidade coruñesa de Abegondo e na que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana. A xornada foi organizada pola Federación de mulleres e familias do ámbito familiar (Amfar) e contou tamén coa presenza da súa presidenta, Catalina Rodríguez; e a do presidente da Reserva, José Antonio Santiso.
Neste foro, a conselleira do Medio Rural debullou as diferentes medidas implementadas pola Xunta a prol da muller, iniciativas como a súa prioridade nas axudas de incorporación, se se incorporan como titulares ou cotitulares de explotación. Tamén, nos plans de mellora e para o desenvolvemento de pequenas explotacións.
Así mesmo, Gómez explicou que, no caso da PAC, respecto das axudas da solicitude única, as mulleres teñen un incremento do 15% no pago de agricultores mozos e tamén un aumento do 15% de importe da reserva, e puxo en valor que isto, entre outros factores, permite que hoxe en día os datos de incorporación estean bastante parellos, sendo do 40% de mulleres fronte ao 60% de homes. Comprometeuse ademais a “seguir empuxando” para que o diferencial sexa o máis estreito posible.
A conselleira tamén subliñou ferramentas como o programa Leader, dedicado a emprendedores e pequenas empresas, que pode ser de especial interese para aquelas mulleres que queiran desenvolver a súa vida laboral en sectores empresariais que non teñan que estar necesariamente vinculados ao agro.
Formación para o emprendemento
Outro xeito de apoiar o emprendemento feminino no rural que foi destacado por Gómez é o da formación. Así, indicou que a Xunta conta cos centros formación e experimentación agraria, os CFEA. Lembrou que son seis en toda Galicia, nos que se imparten ciclos formativos directamente vinculados coa gandería, a agricultura e a silvicultura. Nesta liña, a conselleira puxo de relevo que o número de mulleres matriculadas nestes centros non deixa de medrar nos últimos anos. De feito, pasouse de 192 no curso 2021/22 a 219 no actual, de entre un total de 518 alumnos, é dicir, case estamos no 50%, remarcou.
En parecidos termos, Gómez salientou a importancia de foros como este de Abegondo para que todas aquelas mulleres que queren emprender, coñezan as ferramentas das que dispón a Administración para axudarlles. Recordou que as mulleres rurais, ao longo dos séculos, garantiron a supervivencia do que hoxe se considera un dos piares máis importantes da economía galega: o sector primario. Así que, “se hai un sector da poboación preparado para emprender, é o feminino”, trasladou.