Gómez Caamaño destaca a posta en marcha da nova sala de radioloxía vascular intervencionista do Hospital Público de Ferrol, que permite realizar procedementos máis complexos

Por primeira vez, o Hospital Arquitecto Marcide conta cun equipo específico de profesionais para atender os pacientes deste ámbito da radioloxía

Desde que botou a andar o servizo, o pasado mes de setembro, realizou un total de 635 procedementos: 189 cardiolóxicos e 446 radiolóxicos

O titular de Sanidade destaca a adquisición de alta tecnoloxía realizada pola Xunta para o Hospital de Ferrol, que permite que a unidade traballe a pleno rendemento

Ferrol, 24 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou a posta en marcha da nova sala de radioloxía vascular intervencionista do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, que tivo a oportunidade de coñecer acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e da xerente da área sanitaria, Fernanda López.

Durante a súa visita, o titular de Sanidade destacou a calidade dos profesionais que conforman o servizo, así como o importante investimento realizado en equipamentos de alta tecnoloxía.

O titular de Sanidade incidiu en que, por primeira vez, o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol conta cun equipo específico de radioloxía vascular intervencionista. Neste sentido, apuntou que a nova unidade conta cunha radióloga vascular intervencionista, 2 profesionais de enfermería especialistas no ámbito do radiodiagnóstico e 2 técnicos que se encargan do emprego e da realización de probas co novo equipamento.

Desde que botou a andar, no pasado mes de setembro, esta área do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol xa leva realizadas diferentes técnicas vasculares e cardiolóxicas, entre as que destaca a colocación de marcapasos. Así, ata agora realizou 635 procedementos, 189 cardiolóxicos e 446 radiolóxicos.

A nova unidade permitirá ofrecer á poboación da área sanitaria de Ferrol procedementos máis complexos que, anteriormente, tiñan que se realizados no Hospital Público da Coruña.

Así, os novos procedementos permitirán atender a pacientes con altas comorbilidades nas que unha cirurxía non sería posible (ou tiña moitos riscos asociados) e tamén diminuirá as estadías hospitalarias ao posibilitar unha recuperación máis rápida.

A carteira de servizos desta nova especialidade inclúe, entre outros, procedementos percutáneos complexos (biopsias, drenaxes ou tratamentos ablativos de lesións); tratamentos endovasculares (estenoses arteriais e venosas); e tratamentos de tumores precirúrxicos ou embolizacións. “A radioloxía vascular axuda ao resto de especialidades a tratar patoloxías, ofrecendo aos doentes intervencións minimamente invasivas coas mesmas garantías que a cirurxía clásica. É un campo en constante crecemento actualmente”, explica a radióloga do CHUF, Sara Lojo.

Nesta liña, entre a alta tecnoloxía coa que se dotou esta área do Hospital Público de Ferrol, Gómez Caamaño salientou o novo anxiógrafo adquirido pola Xunta, que supuxo un investimento de 871.200 euros e que permitirá obter imaxes do sistema vascular para  detectar obstrucións, aneurismas ou malformacións arteriovenosas.

Coa nova sala de radioloxía vascular intervencionista complétase a renovación da área de radioloxía do complexo ferrolá, na que se investiron 5,5 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2025