A Xunta organiza en Silleda unha nova edición das probas para avaliar competencias clave en galego, castelán, matemáticas e inglés

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, asistiu hoxe ao desenvolvemento das probas que se celebran no Recinto Feiral Internacional da Fundación Semana Verde en Silleda

Silleda (Pontevedra), 24 de maio de 2025

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, asistiu hoxe ao desenvolvemento das probas para avaliar as competencias clave en galego, castelán, matemáticas e inglés que se celebraron no Recinto Feiral Internacional da Fundación Semana Verde en Silleda.

Lado desexou sorte aos participantes na 19º convocatoria destes exames na que foron admitidos un total de 2.517 galegos e galegas: 1.604 para o nivel 2 de cualificación e 913 para o nivel 3. Así mesmo, a directora xeral comprobou que fora axeitado o desenvolvemento destas probas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para as que hai despregadas un operativo de máis de 70 persoas encargado de que todo se realice de xeito correcto e con total seguridade.

Tamén se dispón de asistencia médica e ambulancia para atender calquera incidencia que se puidera producir durante o desenvolvemento da iniciativa. Os exames están dirixidos a persoas que non teñan título da ESO ou Bacharelato e desexen cursar certificados profesionais que inclúen como requisito esa formación.

Data de actualización: 24/05/2025