María José Gómez salienta o labor dos enxeñeiros agrícolas a prol do sector primario

A conselleira do Medio Rural participou esta noite na gala dos premios ao recoñecemento colexial San Isidro Labrador, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense

Subliñou a aportación destes profesionais en ámbitos como os do asesoramento, a investigación, a mellora das técnicas agrícolas ou a estruturación do territorio

Ourense, 23 de maio de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu esta noite á celebración da gala dos premios ao recoñecemento colexial San Isidro Labrador, patrón dos agricultores, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense. Alí, puxo en valor o traballo deste colectivo profesional a prol do sector primario en ámbitos como os do asesoramento, a investigación, a mellora das técnicas agrícolas ou a estruturación do territorio.

Neste sentido, sinalou que esta profesión é unha “peza clave para fixar poboación nas vilas e pequenos núcleos de poboación”. Cara ao futuro, a conselleira subliñou ademais que os enxeñeiros agrícolas desempeñan un papel esencial á hora de afrontar retos do medio rural vinculados ao cambio climático, a dixitalización e a implantación das novas tecnoloxías.

Así, Gómez indicou que o seu labor é fundamental para lograr novas técnicas de cultivos que optimicen os recursos naturais; para desenvolver a agricultura ecolóxica, cada vez máis demandada polos consumidores; para impulsar a innovación no sector agrícola e facelo cada vez máis sustentable ou para axudar no cumprimento de normativas cada vez máis esixentes.

Na súa intervención, a conselleira fíxose eco tamén da conmemoración dos 75 anos da creación do Consello Xeral de Colexios desta profesión, así como dos 170 anos da creación dos estudos encamiñados á obtención da correspondente titulación académica deste coletivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2025