A Xunta publica hoxe no DOG a declaración do Barrio das Flores da Coruña como área de rehabilitación integral

Esta nova ARI ocupa unha superficie de 16 hectáreas e se sitúa a 300 metros ao leste da avenida de Alfonso Molina, estando todo o seu perímetro delimitado por dúas importantes vías de tráfico: a avenida de Monelos e a rolda de Camilo José Cela

No ámbito da área de rehabilitación residen un total 3.882 habitantes e suman as 1.934 vivendas

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da declaración como Área de Rehabilitación Integral (ARI) o ámbito do barrio das Flores, no concello da Coruña.

Así, O DOG recolle hoxe a declaración desta nova ARI, que ten como obxectivo facilitar a rehabilitación de vivendas e obras de urbanización e reurbanización, repercutindo sobre as condicións de vida dos veciños, mellorándoas.

Neste caso, o barrio das Flores é a undécima área de rehabilitación que se declara neste municipio, sumándose ás xa declaradas na cidade, nos ámbitos de Cidade Vella e A Peixaría, rúa Fernández Latorre, Nosa Señora do Carme, barrio da Sagrada Familia, grupo de vivendas do Birloque, grupo vivendas de Santa Cristina (Palavea), grupo de vivendas dos Mariñeiros, núcleo San Vicente de Elviña,  Ventorrillo - Casas de Franco 22 e o grupo de vivendas "María Pita" en Labañou.

A superficie total do ámbito é de 16 hectáreas e se atopa situado aproximadamente a 300 metros ao leste da Avenida de Alfonso Molina, e todo o seu perímetro está delimitado por dúas importantes vías de tráfico rodado: a avenida de Monelos ao nordés e a rolda de Camilo José Cela ao noroeste e sur.

No ámbito da área de rehabilitación, no que residen un total 3.882 habitantes, contabilízanse 58 edificios dos cales 42 son de uso residencial, 7 de uso exclusivamente terciario e 9 de equipamentos. En total suman as 1.934 vivendas.

A xestión da ARI é competencia da administración local. Coincidente co ámbito desta nova ARI existe un entorno residencial de rehabilitación programado (ERRP) declarado en 2022 para acceder ás axudas do programa de Barrios financiado con fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Ao Concello da Coruña correspondéronlle 2.573.283,54 euros para axudas destinadas á mellora da eficiencia enerxética das vivendas e edificios do barrio das Flores, polo que o Concello debe proceder á súa convocatoria.

Data de actualización: 27/05/2025