A Xunta, a USC e a UVigo chaman a manter o consenso arredor do acordo de medicina acadado por unanimidade en 2015 polas universidades galegas

Subliñan que calquera cambio que se queira introducir no mapa de titulacións debe ser froito do consenso, como sempre foi, e non de iniciativas unilaterais

Emprazan a novas reunións ao longo do mes de xuño para retomar o acordo coa UDC

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2025

A Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVigo) realizaron este xoves unha comparecencia conxunta na que chamaron a manter o consenso arredor do acordo sobre a titulación de Medicina que foi acadado por unanimidade de todas as universidades galegas no ano 2015. Este acordo demostrouse útil para o alumnado, para unha docencia de calidade e para o interese xeral da Comunidade.

Así o trasladaron os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto cos reitores da USC, Antonio López, e da UVigo, Manuel Reigosa, logo da reunión urxente do Consello de Docencia Clínica celebrada esta mañá.

Tanto a Xunta como as universidades de Santiago e de Vigo coinciden en que calquera cambio no mapa de titulacións debe ser abordado conxuntamente, froito do acordo, como sempre foi, e non de iniciativas unilaterais.

Nese senso, emprazan a novas reunións ao longo do mes de xuño para retomar o acordo coa Universidade da Coruña (UDC) e a manter o espírito de cooperación que sempre caracterizou o Sistema Universitario de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2025