A Xunta abre mañá o prazo para formalizar a matrícula nas escolas infantís da rede pública autonómica

O Executivo galego lembra que as familias poderán presentar a documentación ata o día 13 de xuño

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia abre mañá luns o prazo para que as familias podan formalizar a matrícula do curso 2025-2026 nas escolas infantís da rede pública autonómica. A documentación pode presentarse desde mañá ata o día 13 de xuño.

As familias deberán presentar o impreso de matrícula cos datos debidamente cubertos xunto coa copia da cartilla de vacinación do neno. Este trámite pode realizarse tanto a través da sede electrónica da Xunta ou no centro no que se obtivera a praza.

O inicio do curso nos centros de 0 a 3 anos da Administración autonómica está fixado para o día 5 de setembro. Este será o cuarto ano consecutivo no que a atención educativa de 0 a 3 anos será de novo gratuíta en todas as escolas infantís de Galicia tanto nas públicas, como nas privadas e nas de iniciativa social.  Unha medida que permite que Galicia sexa nestes momentos líder nacional na escolarización deste período educativo voluntario. 

Listas de agarda

Deste xeito, unha vez iniciadas as matriculacións as listas de agarda iranse modificando e depurando, realizando novos chamamentos para prazas vacantes. Isto débese á duplicidade das solicitudes, xa que moitas familias poden figurar en varias listaxes de diferentes escolas e tamén en escolas infantís doutras administracións e entidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2025