Rueda anuncia que a Xunta financiará con 3 millóns de euros proxectos deportivos e de saneamento en Pontevedra
O responsable do Executivo autonómico sinala que o destino concreto destes investimentos será decidido polo Concello
Este compromiso é o resultado dunha reunión que mantiveron a semana pasada o presidente do Goberno galego e o alcalde pontevedrés
Súmase a importantes proxectos en marcha na cidade, entre os que se atopan o Novo Montecelo, o Centro de Alto Rendemento ou a reforma integral do Pazo de Lourizán e a súa contorna
Santiago de Compostela, 31 de maio de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta financiará con 3 millóns de euros proxectos deportivos e de saneamento en Pontevedra. O responsable do Executivo autonómico sinalou que o destino concreto destes investimentos será decidido polo Concello de Pontevedra.
Este compromiso é o resultado dunha reunión que mantiveron a semana pasada Rueda e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e súmase así aos importantes investimentos que a Xunta ten en marcha no municipio.
Entre eles atópanse o Novo Montecelo, no que se están a investir arredor de 170 millóns de euros, aos que se suman 30 millóns de euros para equipamento; o Centro de Alto Rendemento (CAR) de Galicia, no que se investirán uns 30 millóns de euros; e a reforma integral do Pazo de Lourizán e a súa contorna, á que se destinan máis de 17 millóns.
Por outra banda, están en marcha neste municipio 236 vivendas públicas en distintas fases de execución e tramitación, mentres que no tocante ás infraestruturas está en execución a senda Mollavao-Os Praceres (6,2 millóns de euros), a reforma da PO-531 a Vilagarcía de Arousa ao seu paso por Campañó (máis de 862.000 €) e as sendas de Xeve (máis de 2 millóns de euros). Tamén están a piques de iniciarse as obras de mellora da iluminación da ponte medieval de Ponte Sampaio (0,5 M€). Ademais, avánzase xa na redacción do proxecto de trazado para a variante de Alba, e a Xunta ten consignados 3 millóns de euros para a dragaxe do río Lérez.
No eido educativo desenvólvense diferentes actuacións, entre as que destaca a reforma do IES Valle Inclán (máis de 4,7 millóns de euros). Ademais, a Administración autonómica destina este ano un total de 2,5 M€ para actuacións en tres significativos bens patrimoniais: o convento de Santa Clara, o santuario da Virxe da Peregrina e a basílica de Santa María a Maior.