A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, visitou hoxe a zona da actuación
A Xunta humaniza a praza de Picoutiños en Cartelle, que conta cun investimento de preto de 110.000 euros
A actuación vén de transformar este espazo no núcleo de Nogueiró para convertelo nun novo espazo accesible, coa renovación do pavimento, a mellora das infraestruturas e novo mobiliario urbano
Allegue subliña a colaboración entre administracións para abordar intervencións que permitan mellorar a calidade de vida da veciñanza “desde un urbanismo sostible” co obxectivo de seguir fixando poboación
As obras financiáronse a través dun convenio ao abeiro do Plan Hurbe, polo que a Xunta asumiu o 70% do investimento e executou os traballos e o Concello o 30% restante
Cartelle (Ourense), 31 de maio de 2025.- A Xunta vén de colaborar co Concello de Cartelle nas obras de humanización da praza de Picoutiños, no núcleo de Nogueiró, que contan un investimento de preto de 110.000€ (108.342€). A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, visitou hoxe a zona de actuación destes traballos, que se enmarcan no Plan Hurbe.
Este programa da Xunta, como sinalou a conselleira, apoia ás administracións locais para financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, de xeito especial humanizacións e mellora de espazos e equipamentos públicos. Neste senso, subliñou esta colaboración entre administracións para mellorar a calidade de vida da veciñanza “desde un urbanismo sostible” e co obxectivo de seguir “fixando poboación” no medio rural.
A humanización da praza de Picoutiños vén de transformar este espazo para convertelo nun novo punto de encontro da veciñanza, “agradable e accesible”, coa renovación do pavimento, a mellora das infraestruturas e a instalación de novo mobiliario urbano (bancos, papeleiras e unha fonte). A actuación inclúe ademais o soterramento de servizos como a rede de alumeado.
“Con estes proxectos -sinalou M. Allegue- buscamos reforzar o atractivo das nosas aldeas, vilas e municipios e contribuír así á revitalización do territorio e ao reforzo da súa competitividade económica”.
As obras financiáronse a través dun convenio polo que a Xunta asumiu o 70% do investimento (75.839€) e a execución dos traballos e o Concello o 30% restante (32.502€).
O Plan Hurbe da Xunta busca contribuír a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.
Na provincia de Ourense a Xunta ten neste momento en marcha nestes momentos 8 convenios do Plan Hurbe nos concellos de Cartelle, Riós, Lobios, Rairiz da Veiga, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Toén e A Veiga, para realizar actuacións que suman 1,8M€.