Belén do Campo pon en valor a aposta de El huevo de la abuela pola innovación e modernización da súa explotación de ovos de galiña campeira co apoio da Xunta

A delegada da Xunta lembrou que esta empresa foi beneficiaria, no 2023, das axudas á transformación e comercialización de produtos agrarios o que lles permitiu financiar o acondicionamento interior da zona administrativa e a implantación de nova maquinaria de clasificación e envasado de ovos

Na convocatoria do 2024 aprobáronse 62 proxectos, con axudas concedidas por máis de 23 millóns de euros en Galicia, das cales 14 achegas foron para empresas da provincia da Coruña por un importe de case 2,8 millóns de euros

Melide (A Coruña), 2 de xuño de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, visitou hoxe as instalacións de Ecocentro, unha empresa familiar, fundada en 2017, de explotación e produción de ovos de galiña campeira, ubicada no Monte Pedroso na parroquia de Leboreiro en Melide. No ano 2019 esta empresa iniciou unha actividade de clasificación e envasado de ovos nun centro propio. A marca comercial coa que envasa denomínase El Huevo de la Abuela.

Na visita, a delegada, salientou a aposta pola innovación e transformación desta empresa e apuntou que foi beneficiaria, no 2023, das axudas á transformación e comercialización de produtos agrarios. Deste xeito, financiouse, o acondicionamento interior da zona administrativa, a implantación de maquinaria de clasificación e envasado de ovos con rendemento de 60.000 ovos/hora, equipada con sistemas de detección avanzados, robot para desapilar bandexas de ovos, paletizar caixas e posicionado de palets vacíos.

Belén do Campo subliñou que esta empresa ten na actualidade a capacidade de envasar 180.000 ovos diarios os 365 días do ano de produción propia, ademáis, destacou na súa aposta pola calidade contan cos sistemas máis avanzados en control de fisurado, coloración e textura ademáis de ter a capacidade de detectar impurezas dentro do ovo.

A representante do Goberno autonómico lembrou que na convocatoria desta orde do ano 2024, en concorrencia competitiva, aprobáronse 62 proxectos, con axudas concedidas por máis de 23 millóns de euros en Galicia, das cales 14 achegas foron para empresas da provincia da Coruña por un importe de case 2,8 millóns de euros a executar entre 2024-2025 e 2026.

Estas axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), teñen como principal obxectivo promover o desenvolvemento de proxectos industriais do sector agroalimentario, en liña coa finalidade de mellorar a orientación ao mercado e aumentar a competitividade das explotacións agrícolas a curto e longo prazo, en particular cun maior fincapé na investigación, a tecnoloxía e a dixitalización.

Dende 2016, Medio Rural convocou en sete ocasións estas achegas, cun orzamento total adxudicado de 195,04 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2025