Rueda anuncia que a Xunta destinará 1,5 M€ para mellorar a relación dixital da cidadanía co servizo público de saúde

Destaca que a medida axilizará e personalizará as comunicacións da cidadanía co sistema publico de saúde, facilitará información individualizada aos doentes e acompañantes nas distintas áreas de urxencias e hospitalización dos hospitais

Así mesmo, axudará a preparar as intervencións cirúrxicas e facilitará os tramites administrativos e a resolución de dúbidas mediante o uso de asistentes virtuais intelixentes

Preténdese desenvolver novos servizos dixitais con base ás necesidades dos grupos poboacionais atendidos, fomentando a participación informada do usuario, e permitindo unha centralización e integración da comunicación co paciente pola canle que este prefira

Na actualidade, a aplicación Sergas Móbil é empregada por máis dun millón de cidadáns cada mes e, desde ela, ofrécese unha ampla gama de servizos sanitarios

O conxunto de servizos que se levarán a cabo a través desta contratación serán a maioría deles multicanle, desenvolvéndose na aplicación Sergas Móbil, na contorna dos dispositivos portátiles (web) e nos puntos de información dixitais que se atopan nos hospitais e centros de saúde

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Executivo galego destinará 1,5 M€ para mellorar a relación dixital da cidadanía co servizo público de saúde en base a unha serie de iniciativas que reforzan ou complementan as xa existentes.

Esta medida responde á “pretensión de introducir as novas tecnoloxías” na sanidade pública galega e o obxectivo é, segundo sinalou Rueda, implantar melloras para “reforzar e personalizar” a comunicación entre profesionais sanitarios e os usuarios “a través do Sergas Móbil e outras canles dixitais”.

Nos últimos anos, a Consellería de Sanidade puxo en marcha unha serie de servizos dixitais que permitiron a interacción coa cidadanía dun xeito máis áxil. Así, na actualidade a aplicación Sergas Móbil é empregada por máis dun millón de cidadáns cada mes e, desde ela, ofrécense unha ampla gama de servizos sanitarios como son a identificación do cidadán a través da tarxeta sanitaria, a obtención de citas desde atención primaria, a consulta do historial médico ou o rexistro de variables clínicas.

Neste intre cómpre reforzar e ampliar estes canais, e o presidente detallou as distintas melloras en varios eixes de actuación.

En primeiro lugar, coa utilización de “asistentes virtuais intelixentes” para facilitar o uso dos sistemas. Estes asistentes integraranse na aplicación Sergas Móbil, permitindo guiar a cidadanía nas aplicacións e posibilitando resolver dúbidas relativas ao uso dos distintos servizos que a rede sanitaria pública ofrece. O asistente admitirá a interacción mediante voz ou texto, sendo compatible co galego e castelán.

Así mesmo, tamén se personalizarán as comunicacións da sanidade galega co cidadán. Para elo desde Sergas Móbil será posible enviar “comunicacións personalizadas” ou recordatorios de actividades a realizar por parte do cidadán, agrupando as notificacións por temática e importancia, e activando as mensaxes en modo push no teléfono móbil para que non pasen desapercibidas.

Tamén, se o profesional sanitario o habilita, será posible manter unha mensaxería directa entre os profesionais e os paciente en tempo real cando ambos estean dispoñibles simultaneamente, ou en diferido para casos onde a resposta non necesita ser inmediata. Os pacientes poderán interactuar proporcionando datos de saúde ou imaxes. O profesional sempre terá o control para habilitar ou deshabilitar esta funcionalidade. Estes novos servizos complementan aos servizos de mensaxería asincrona existente en TELEA ou a inclusión de información clínica habilitada xa en É-saúde.

O terceiro dos eixos, incidirá na mellora dos servizos de información e acompañamento. Esta iniciativa ten por obxecto achegar unha mellor información da situación na atención dos doentes, desenvolverase un sistema de acompañamento a doentes e familiares no servizo de urxencias, hospitalización e no hospital de día, que permita coñecer a situación particular de cada paciente no episodio de asistencia.

Xunto ao anterior, establecerase un servizo de “visita virtual” polo menos nas Unidades de Coidados Intensivos de neonatos, que permitirá aos pais achegarse ao paciente recentemente nado durante a súa estadía nas UCI neonatais mediante un streaming de vídeo en directo.

Mediante esta contratación, a Xunta tamén axilizará as tarefas previas a unha intervención cirúrxica. Neste senso, desenvolverá un asistente integral sobre a preparación de pacientes en procedementos terapéuticos/diagnósticos, cirurxía maior ambulatoria ou convencional.

Os servizos irán desde a posibilidade de firmar dixitalmente o consentimento informado desde Sergas Móbil, á recepción de vídeos ou documentos de axuda e requisitos necesarios para a preparación da intervención, ou ao envío de mensaxes recordatorias.

Entre outras prestacións, que tamén se desenvolverán, atópase a mellora dos trámites administrativos, dun xeito semellante ás citas de atención primaria. Poderá realizarse tamén o cambio ou anulación de citas de atención hospitalaria, tanto no caso das consultas externas como de probas diagnósticas ou coa posibilidade de solicitar a renovación da medicación crónica.

Ao mesmo tempo o sistema ofertará un servizo de información ao cidadán con datos abertos do servizo de saúde e información personalizada ao contexto da área sanitaria e a seu centro de saúde.

O conxunto de servizos que se levarán a cabo a través desta contratación serán a maioría deles multicanle, desenvolvéndose na aplicación Sergas Móbil, na contorna dos dispositivos portátiles (páxina web) e nos puntos de información dixitais que se atopan nos hospitais e centros de saúde (PIM).

Ademais, Rueda sinalou que esta medida “enmárcase no Plan Estratéxico de Información Dixital do Servizo Galego de Saúde”, mediante o que o departamento sanitario galego está a centrar os seus esforzos na xestión intelixente dos datos e no uso da tecnoloxía avanzada para transformar o sistema sanitario público de Galicia.

O prazo de execución do contrato será ata rematar o ano 2027, podendo ser obxecto de dúas prórrogas.

O obxectivo desta contratación é impulsar un novo modelo de relación global de prestación de servizos á cidadanía a través da mellora de canles dixitais, orientándoas á proactividade e á axilización e optimización da atención, ademais de fomentar a accesibilidade.

Tamén se pretende promover a toma de decisións compartidas e favorecer a incorporación da perspectiva dos pacientes a través da súa propia avaliación.

Xunto ao anterior, é intención do departamento sanitario dispoñer dun medio centralizado para a comunicación co paciente pola canle que este prefira, que poida ser accesible desde calquera punto do sistema sanitario, e que permita a realización de campañas de promoción e prevención.

Outros obxectivos que procura esta actuación son fomentar a participación informada do usuario e tamén traballar na mellora do coñecemento e capacitación do cidadán respecto da súa saúde.

O obxectivo da Consellería de Sanidade é, por tanto, evolucionar o modelo de relación dixital que ten coa cidadanía en base a unha serie de iniciativas que pivotan sobre tres eixes fundamentais que son a estratexia de servizos, a adecuación dos procesos asistenciais e administrativos, e a tecnoloxía.

Este proxecto está financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2025