O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse con representantes do sindicato CGT en Renfe
A Xunta únese á demanda do persoal ferroviario ao Goberno central para consolidar o emprego neste sector en Galicia
O Goberno galego comparte a preocupación dos traballadores ante o anuncio de licitación do servizo de mantemento das locomotoras, que pon en risco a viabilidade do taller en Ourense
Diego Calvo comprometeuse a solicitarlle ao Ministerio de Transportes unha folla de ruta clara e precisa sobre o futuro dos tres talleres de Renfe na comunidade, así como a creación dunha base para mantemento de trens de alta velocidade
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe con representantes do sindicato CGT en Renfe, quen pediron o apoio da Xunta ante o anuncio da compañía ferroviaria de licitar o servizo de mantemento das locomotoras, o que supón unha externalización e pon en risco a viabilidade do taller en Ourense.
Na xuntanza, Diego Calvo asegurou que o Goberno galego comparte a preocupación dos traballadores pola situación dos tres talleres de Renfe en Galicia, situados en Redondela, Ourense e Ferrol, polo que se comprometeu a contactar co Ministerio e de Transportes e Mobilidade Sostible para solicitarlle unha folla de ruta clara e precisa sobre o futuro destas instalacións e, de xeito específico, do caso ourensán tras o anuncio de licitación. O conselleiro incidiu na necesidade de coñecer cales son as previsións de negocio e os retos para os próximos anos.
A maiores, Diego Calvo confirmoulles aos traballadores que a Xunta se une á súa demanda da creación en Galicia dunha base para o mantemento dos trens de alta velocidade, concretamente dos Avril, que son os que funcionan en Galicia, co obxectivo de consolidar o emprego ferroviario na comunidade.
Para o conselleiro, a importancia estratéxica das instalacións ourensáns fai imprescindible a súa supervivencia. “Eliminar este taller suporía un novo agravio a Galicia, xa que debilitaría aínda máis a infraestrutura ferroviaria da comunidade, que ademais acumula proxectos e investimentos pendentes”, engadiu.
Falta de resposta do Goberno central
Nesta liña, Diego Calvo incidiu nas reiteradas demandas do Goberno galego ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que seguen sen resposta, ademais da petición dunha xuntanza que non chega a materializarse. Así, referiuse ás declaracións efectuadas esta fin de semana polo secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, sobre falta de colaboración da Xunta co Estado como “sorprendentes”. Lembrou que o Goberno galego segue á espera do prometido interlocutor con Renfe, “para non seguir tendo coñecemento das incidencias e dos anuncios sobre proxectos e investimentos nos servizos ferroviarios galegos a través dos medios de comunicación”, apuntou.
Con respecto ao anuncio de Santano dunha análise de viabilidade para unha rede de proximidade da Coruña a Vigo para 2026, o conselleiro apuntou que a xunta espera ser convocada antes de facer ningún tipo de anuncio, posto que tamén temos demandas neste sentido para a creación dunha verdadeira rede de cercanías en Galicia, e non sabelo pola prensa como acostuma a facer o Ministerio”.
Diego Calvo incidiu tamén na urxencia de que se solucionen os continuos problemas da media distancia en Galicia por unha mala xestión, con constantes avarías, incidencias, falta de comunicación e dificultades na compra de billetes.