A conselleira María José Gómez clausurou hoxe en Ourense a XI edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade Vinis Terrae
Medio Rural destaca que o 20 % do viño galego expórtase xa a uns 75 países diferentes
Gómez salientou que o sector vitivinícola constitúe un dos elementos máis sólidos da marca Galicia Calidade e subliñou a importancia de “seguir traballando xuntos” para consolidar a Galicia e a España nos lugares de referencia no mundo do viño
Na feira estiveron presentes 47 expositores de bodegas galegas e reuníronse importadores e compradores de 18 países
Ourense, 3 de xuño de 2025
O 20 % do viño galego certificado por unha denominación de orixe expórtase xa a uns 75 países diferentes. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na clausura do XI Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade Vinis Terrae, na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Neste acto, no que se entregaron premios ás principais adegas e produtores participantes, a conselleira fixo fincapé na internacionalización do sector e no prestixio acadado nos diferentes mercados polos viños galegos. Así, definiunos como “os mellores embaixadores” da nosa comunidade e como “os máis sólidos piares do paradigma Galicia Calidade”.
Nesta liña, Gómez referiuse aos momentos de cambio que vive o sector e aos desafíos que afronta, vinculados coa climatoloxía, a sustentabilidade ou as mudanzas nos hábitos dos consumidores. Ao tempo, lembrou as novas oportunidades que se abren e, neste sentido, remarcou que é fundamental o traballo en común e a colaboración entre investigadores, produtores, adegueiros e entidades públicas a prol da investigación, a innovación e a sustentabilidade na produción de viño, coa vista posta en seguir situando a Galicia e a España como referentes neste eido.
Escaparate para a promoción dos viños galegos
Na súa intervención, a conselleira salientou ademais a importancia de eventos como Vinis Terrae, que cualificou como “excelente escaparate” para poñer en valor os viños e licores da nosa terra, baixo a filosofía de “excelencia e promoción tan en consonancia co labor que vén desenvolvendo a Xunta de Galicia nos últimos anos”. Por iso, “desde este Goberno non dubidaremos en apoiar calquera iniciativa que impulse os produtos galegos”, remarcou.
O salón Vinis Terrae acolleu estes días en Ourense un total de 47 expositores de bodegas galegas, que representan ás cinco denominacións de orixe vitivinícolas: Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra, Valdeorras e Rías Baixas, así como ás indicacións xeográficas protexidas de viños Val do Miño e Betanzos. Ademais, reuniu importadores e compradores de ata 18 países diferentes.