A conselleira do Medio Rural participou en Madrid nos actos organizados pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) con motivo do 66º Día Internacional Lácteo
A Xunta aposta polo futuro do sector lácteo galego co apoio á incorporación da mocidade e á formación
María José Gómez puxo en valor o esforzo do Goberno galego a prol deste eido produtivo estratéxico do rural na nosa comunidade e, en particular, para impulsar a remuda xeracional
Mencionou o compromiso coa formación das novas xeracións, as axudas á incorporación e plans de mellora, que proximamente volverán convocarse, e o Banco de explotacións
Avogou de novo pola estabilidade no sector e polo entendemento entre os seus axentes a favor da súa sustentabilidade e duns prezos que permitan aos gandeiros cubrir os seus custos de produción e obter unha marxe de beneficio
Madrid, 4 de xuño de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe en Madrid a aposta da Xunta polo futuro do sector leiteiro galego, mediante o apoio decidido á formación das novas xeracións, a incorporación da mocidade e a remuda nas explotacións. Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou esta mañá na mesa redonda A Lei de agricultura familiar e a atracción de persoas ao medio rural, no marco da edición número 66 do Día Internacional Lácteo organizado pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil).
Neste contexto, a conselleira salientou os esforzos do Goberno galego a prol deste eido produtivo estratéxico do rural na nosa comunidade e, en particular, para impulsar a remuda xeracional no sector. Referiuse así a ferramentas como a formación, con 364 prazas ofertadas nos seis centros de Medio Rural neste curso, un 11% máis respecto do anterior; as axudas á incorporación e plans de mellora, lembrando que precisamente a mediados deste mesmo mes de xuño está previsto publicar unha nova convocatoria dotada de 36 millóns de euros; e o Banco de explotacións, como instrumento para garantir a continuidade das granxas, cunha orde de axudas vinculada e dotada con 2,1 millóns de euros ata 2029.
Estabilidade no sector
Nesta mesma liña, a titular de Medio Rural avogou, unha vez máis, pola estabilidade dentro do sector e insistiu na necesidade de manter o compromiso de todos os actores implicados (gandeiros, industria e distribución, e tamén consumidores) para garantir a sustentabilidade da cadea de valor. Un traballo conxunto que, subliñou, ten que plasmarse tamén nuns prezos que permitan aos gandeiros cubrir os seus custos de produción e obter unha marxe de beneficio, como calquera outro empresario.
Cómpre lembrar a defensa da Consellería do Medio Rural para que se reduza o diferencial de prezo con respecto a outras comunidades, unha cuestión na que se segue traballando. De feito, puxo de relevo que no mes de abril Galicia tivo a maior subida do prezo do leite das comunidades autónomas españolas, “unha liña na que cómpre seguir avanzando”, concluíu.