Galicia porá o foco o vindeiro curso no reforzo da autoridade do profesorado como garante da convivencia escolar

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reúnese coa Xunta Autonómica de Directores e Directoras para abordar as instrucións do ano académico 2025-26

Incídese en que a Consellería fomentará unha actitude de tolerancia cero ante calquera tipo de agresión física ou verbal contra os profesionais do ensino, con mecanismos de asesoramento e apoio en caso de producirse algún caso

O texto avoga tamén pola defensa dos valores constitucionais, a neutralidade ideolóxica, o pluralismo social e o pensamento crítico nos centros

Introdúcese a regulación dun tempo de lectura diario na Educación Primaria, de entre 20 e 30 minutos, para mellorar a competencia lectora do alumnado

Tamén se inclúe a posibilidade de que os órganos docentes realicen reunións telemáticas, en cumprimento do Acordo de mellora no sistema educativo galego

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa Xunta Autonómica de Directores e Directoras para abordar as instrucións de organización do vindeiro curso, un documento que axuda a centros, equipos directivos e docentes a planificar a actividade lectiva. Nesta ocasión, as instrucións inciden especialmente en cuestións como o reforzo da autoridade do profesorado e da persoa que ocupa o posto de dirección, a loita contra o acoso escolar, as actividades complementarias ou a regulación do tempo de ler dentro do horario do alumnado, fundamentalmente do de Primaria.

O titular do departamento educativo do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, explicou que o vindeiro curso se porá o foco no reforzo da autoridade do profesorado como garante da convivencia escolar. “A Xunta mantén desde hai anos unha actitude de tolerancia cero diante de calquera tipo de acoso ou conduta contraria á convivencia pacífica -destacou-. Dentro desta prioridade, e malia que non se detecta unha incidencia preocupante destes casos con carácter xeral, queremos seguir avanzando nesta cuestión”, afirmou.

“Os docentes son fundamentais nesta tarefa, polo que faremos fincapé no seu papel como autoridade pública e queremos incidir na necesidade de garantir que eles mesmos non sexan vítimas de calquera tipo de violencia”, expuxo o conselleiro. “E se o son, deben saber que a Consellería lles prestará apoio para corrixir esta circunstancia”, salientou.

As instrucións, que se remitirán aos centros nos vindeiros días, insisten na promoción da convivencia escolar baseada nos valores democráticos, a tolerancia e o diálogo. Tamén na loita contra o acoso escolar, promovendo que todos os casos sexan identificados, se traten de inmediato e se lles dea solución de forma eficaz. Na resolución de conflitos terá un papel principal o profesorado, que recibirá formación sobre convivencia.

Destácase, así mesmo, o papel do docente como autoridade pública, establecido na lei de convivencia autonómica de 2011 e no decreto de 2015 que desenvolve esta norma. A este respecto, detállase que a Consellería fomentará unha actitude de tolerancia cero ante calquera tipo de agresión física ou verbal contra os profesionais do ensino.

Neste sentido, incídese na necesidade de que o centro poña calquera tipo de agresión en coñecemento da Inspección Educativa canto antes, co fin de que a administración poida prestar asesoramento e apoio na solución do conflito. A figura do director, como máxima autoridade e representante da administración educativa no mesmo, tamén debe ser reforzada. A persoa que desempeñe este cargo será, entre outras funcións, a responsable desta comunicación dun posible caso de agresión a un docente.

“Todas as novidades incluídas no texto van en consonancia coa lexislación estatal e autonómica vixente e pensamos que é oportuno incidir agora nelas”, declarou Román Rodríguez, quen explicou que en moitas visitas a centros solicítanlle esta cuestión.

Actividades complementarias

Neste mesmo senso, as instrucións do vindeiro curso tamén promoven os principios constitucionais, a neutralidade ideolóxica, o fomento do pluralismo social e do pensamento crítico e o respecto ás liberdades individuais na actividade dos centros escolares, de acordo coa Lei orgánica 8/1985 reguladora do dereito á educación.

Con esa finalidade, lémbrase que as actividades complementarias que se organicen (visitas didácticas, charlas...) deberán servir para complementar a actividade lectiva e as aprendizaxes curriculares e ser equilibradas na súa distribución ao longo do curso. Salvo casos excepcionais motivados, deberán estar rexistradas na Programación Xeral Anual. Tamén as colaboracións do centro coas distintas entidades deberán ten como finalidade o beneficio educativo do alumnado e estar vencelladas ao desenvolvemento curricular.

Tempo de lectura

Outra das principais novidades das instrucións é a introdución, tal e como estaba comprometido, dun tempo diario para o fomento da lectura en Educación Primaria, de entre 20 e 30 minutos. A súa implantación é un dos eixos de actuación do programa de reforzo da lectura incluído no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia impulsado pola Xunta e que ten como finalidade reforzar a comprensión lectora dos estudantes  e fomentar o pensamento crítico e a reflexión entre eles.

Os centros deberán, ademais, elaborar un Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información e aplicar un tempo dedicado á lectura en todas as etapas cun tratamento transversal, interdisciplinario e de implicación de todo o profesorado e materias.

Equilibrio no uso da tecnoloxía

Atendendo á aposta por un ensino híbrido onde o papel e o dixital conviven na procura da mellor formación posible, o texto recolle tamén que o profesorado promoverá un uso responsable e seguro dos recursos tecnolóxicos no proceso de ensino e aprendizaxe, equilibrado respecto doutro tipo de recursos e materiais e orientado ao logro dos obxectivos curriculares e das competencias clave. 

Ademais, e como novidade, introdúcese a posibilidade de que os órganos de coordinación docente do centro como, por exemplo, claustros, celebren reunións de forma telemática, avanzando no cumprimento do Acordo de mellora do sistema educativo galego asinado coas organizacións sindicais e no que se comprometeu a extensión e regulación das reunións telemáticas como medida de conciliación.

Atención á diversidade

As instrucións do vindeiro curso inclúen tamén un capítulo específico de atención á diversidade que ten como finalidade seguir reforzando o papel de Galicia como Comunidade co ensino máis inclusivo. Nesta parte do texto, reitérase a prioridade da atención dentro da aula ordinaria e pola preferencia do alumnado con necesidades especiais á hora de recibir apoio de especialistas en Pedagoxía Terapéutica e en Atención e Linguaxe, de acordo coa normativa vixente a nivel autonómico e estatal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2025