O mes do Camiño no Brasil concentra este xuño unha intensa actividade con exposicións, conferencias e cinema sobre a peregrinación a Compostela

Xosé Merelles viaxa a Porto Alegre para participar en varias actividades conmemorativas e intensificar as relacións coas entidades xacobeas do país

En 2024 fixeron o Camiño 7.365 persoas procedentes do Brasil, sendo este o primeiro país de América do Sur que achega o maior número de peregrinos

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia avanza na súa misión de proxectar a difundir as rutas xacobeas no mercado internacional coa celebración do Mes do Camiño de Santiago no Brasil, concretamente en Porto Alegre, capital do estado brasileiro de Rio Grande do Sul. O pasado 2024, Brasil foi o país de orixe de 7.365 persoas que viviron a experiencia xacobea, sendo o primeiro país de América do Sur que achegou o maior número de peregrinos. No que vai de 2025, 3.222 persoas fixeron xa o Camiño.

A esta cidade chegará este xoves o director de Turismo de Galicia co obxectivo de participar en varias actividades e reunirse con diversas organizacións relacionadas coa cultura xacobea que están a difundir este fenómeno naquel país. En concreto, está previsto que Xosé Merelles visite este mesmo xoves a exposición Iacobus Gaudet. Os Camiños de Santiago en Galicia, composta por vídeos e fotografías de Manuel Valcárcel.

Posteriormente, o director realizará unha visita ao Centro Español de Porto Alegre, espazo que tamén foi casa de galegos na localidade. Rematará a xornada cunha reunión cos responsables da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Río Grande do Sul (ACASARGS), na que avanzará na colaboración de accións e medidas que permitan traballar conxuntamente na promoción do Camiño de Santiago a nivel internacional. Durante as seguintes xornadas manterá unha activa axenda de encontros e visitas para avanzar neste obxectivo.

Mes do Camiño de Santiago

A exposición Iacobus gaudet constitúe o eixo central dos eventos que compoñen o Mes do Camiño de Santiago en Porto Alegre. Elaborada en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago, permitirá ao público coñecer a experiencia única que supón a peregrinación a través das distintas rutas xacobeas mediante as imaxes de Valcárcel. Previamente, a mostra visitou as localidades de Cidade de México, Bos Aires e São Paulo. Poderase visitar do 4 ao 27 de xuño no Museu de Arte do Paço da localidade.

O programa de actividades do Mes do Camiño en Porto Alegre inclúe tamén unha serie de xornadas de charlas con expertos sobre o Camiño e a peregrinación, que se desenvolverán entre o 12 e o 18 de xuño no mesmo Museu. Nelas participarán especialistas na cultura xacobea, como o xornalista Hélio Araújo; o historiador e ex presidente da Associação de Confrades e Amigos do Caminho de Santiago-ACACS São Paulo, Jorge Cáceres; a doutora da Pontifícia Universidade Católica de Goiás, Renata Cristina de Sousa Nascimento, pertencente ao Comité Internacional de Expertos do Camiño; e a presidenta e o vicepresidente de ACASARGS, Adriana Reis e Fernando Eisenberg Bugallo.

Paralelamente aos relatorios, na cinemateca Capitólio da localidade brasileira desenvolverase un ciclo de Cinema Xacobea, a través do que se poderán visionar diversas obras audiovisuais relacionadas co Camiño. Entre elas atópanse obras como A Vía Láctea, do célebre director Luis Buñuel ou The Way, do director estadounidense de orixe galego Emilio Estévez.

O Mes do Camiño de Santiago en Porto Alegre está organizado pola Xunta de Galicia en  colaboración coa Prefeitura da localidade, a través da Coordenação de Artes Visuais CAV e da Coordenação de Cinema e Audiovisual, pertencentes á Secretaria Municipal de Cultura e Economia Criativa, así como da Oficina Española de Turismo en São Paulo e da ACASARGS.

Brasil e o Camiño

A experiencia xacobea conta cunha importante tradición no Brasil, país no que teñen a súa sede 19 asociacións de Amigos do Camiño de Santiago. Ademais, desde o 19 de outubro de 2019, o país ten instalada unha mouteira na localidade de Río de Janeiro, no paseo marítimo da praia do Arpoador, que marca a distancia de 8.138 quilómetros en liña recta coa capital galega. Constitúe o primeiro elemento deste tipo colocado nunha cidade de América do sur.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2025