Na inauguración do encontro ‘Abrindo Camiño’ celebrada en Lugo

O Comisario do Xacobeo 2027 destaca o papel diversificador dos Camiños do norte e aposta pola colaboración ante a celebración do Ano Santo

A cidade de Lugo xunto con Mondoñedo son as súas sedes nas que se desenvolve a programación desta cita xacobea

Lugo, 5 de setembro de 2026

O comisario do Xacobeo inaugurou hoxe no Antigo Cárcere de Lugo as XIX Xornadas do Peregrino ‘Abrindo Camiño’, un encontro que reúne a representantes das administracións, asociacións, diferentes comunidades autónomas e sociedade civil arredor do Camiño de Santiago. Durante  as dúas xornadas nas que se celebra este encontro, en Lugo e Mondoñedo, abordaranse os retos e as novas perspectivas dos Camiños do Norte, así como diferentes iniciativas relacionadas co patrimonio xacobeo e coa preparación do próximo Ano Santo 2027.

Durante a súa intervención, o comisario destacou a capacidade do Camiño para unir e integrar, subliñando que ‘esa capacidade de sumar e de integrar é un dos puntos fortes do Camiño’, ao tempo que defendeu que traballar unidos será ‘unha das claves nas que queremos sustentar o Xacobeo 2027».

Marcos Gómez Román salientou tamén a importancia de preservar a esencia espiritual e relixiosa da Ruta Xacobea impulsando todos os elementos que contribúen ao seu enriquecemento. “O Xacobeo tamén é música, cultura, arte, encontro, xeración de emprego, dinamización económica, fixación de poboación no rural, turismo, promoción da nosa terra e proxección da Galicia Calidade”, sinalou.

Ante o reto da concentración de peregrinos nalgunhas rutas, defendeu seguir promovendo a chegada de visitantes durante todo o ano e favorecer o uso de itinerarios menos percorridos. Neste sentido, animou a descubrir os Camiños do Norte e lembrou a súa propia experiencia recente na Vía da Prata.

Finalmente, agradeceu o labor das asociacións e da sociedade civil na conservación e proxección do Camiño de Santiago, asegurando que “o Camiño de Santiago e o Xacobeo non serían hoxe o que son se non fose pola participación da sociedade civil”.

As XIX Xornadas do Peregrino ‘Abrindo Camiño’ celebraranse hoxe e mañá domingo, en Lugo e Mondoñedo. A xornada inaugural celebrada na cidade de  Lugo incluíu actividades na Catedral, no Museo Diocesano e Catedralicio e na Muralla Romana e tamén un concerto da Banda Municipal de Música de Lugo.

O domingo 6 de setembro, as actividades continuarán en Mondoñedo, con proxeccións audiovisuais, visitas guiadas, intervencións sobre a historia e o patrimonio dos camiños e unha Romaría Xacobea.

Durante o encontro, presentarase o documental ‘Andrea López Chao, o legado dunha mestra galega en Cuba’, unha proposta que achega unha mirada á historia da emigración galega e á súa vinculación coa sociedade e a cultura galegas.

Data de actualización: 05/09/2026