Arias informa a veciños do Sagrado Corazón sobre o proxecto para a construción do novo centro de saúde do barrio
Lugo, 5 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, reuniuse hoxe con representantes da Asociación de Veciños do Sagrado Corazón, que preside Alfonso Ibias, para informalos sobre o proxecto do novo centro de saúde do barrio. A xuntanza prodúcese despois de que o pasado venres a Administración autonómica conseguise por fin, e despois de anos de espera, o compromiso do Concello de Lugo para cederlle a parcela na que construír esta nova infraestrutura, que suporá un investimento de máis de 4,8 millóns de euros.
Arias confirmoulles aos representantes veciñais que, con este acordo, o novo centro médico levantarase na parcela do antigo colexio, “en pleno corazón do barrio, na ubicación que dende a Xunta defendemos dende o primeiro momento e que contaba ademais co respaldo veciñal”. Para o delegado, trátase “dun espazo axeitado, que contribuirá á rexeneración do barrio” e que supón ademais contar con terreo dispoñible para o desenvolvemento doutros posibles proxectos no futuro.
O Concello de Lugo ten que facerse agora coa titularidade da parcela e cedela á Xunta. O delegado territorial asegurou que o Goberno galego “está disposto a asumir a titularidade do conxunto da parcela” e que ten xa avanzado traballo de estudo “partindo de que o espazo idóneo para construír o centro de saúde sería o que ocupa a pista deportiva”. As dúas administracións deben cuantificar agora o custo dos accesos e da urbanización da parcela para determinar o que debe financiar cada parte, tendo en conta as demolicións necesarias que teñen un custo estimado en 1,8 millóns.
Arias reiteroulle ao colectivo veciñal “o compromiso do Goberno galego coa veciñanza e cos profesionais que prestan servizo no Sagrado Corazón” e afirmou que “seguimos traballando para que o novo centro de saúde, que entendemos como unha necesidade básica para o barrio, sexa unha realidade o antes posible”.
A Xunta investirá 3 millóns de euros no novo centro de saúde do Sagrado Corazón, que disporá de 7 consultas de medicina xeral e outras 7 de enfermería, ademais dunha consulta de pediatría e outra de enfermería pediátrica. Tamén contará cunha sala de toma de mostras e espazos para docencia. O novo ambulatorio atenderá a unhas 10.000 persoas, despois de reorganizar as cotas dos centros de San Roque e Illas Canarias.