A Rede galega de promoción da saúde na poboación xitana, impulsada polo Goberno galego en colaboración co Secretariado Xitano, organizou esta actividade para recorrer o último treito do Camiño de Santiago

O conselleiro de Sanidade únese á andaina saudable organizada para conmemorar o 600 aniversario da peregrinación do pobo xitano a Santiago de Compostela

A Consellería de Sanidade traballa na difusión de hábitos de vida saudables coa colaboración de sete promotoras da saúde xitanas

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, sumáronse hoxe á andaina saudable organizada para conmemorar o 600 aniversario da peregrinación do pobo xitano ao sepulcro do Apóstolo Santiago en Compostela.

Trátase dunha actividade impulsada pola Xunta e polo Secretariado Xitano, a través da Rede galega de promoción da saúde na poboación xitana constituída o pasado ano.

Os participantes realizaron unha andaina de 5 km, percorrendo o último tramo do Camiño Francés, desde o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro.

A Rede galega de promoción da saúde na poboación xitana xorde das medidas do Plan Obesidade Zero en Galicia que está a desenvolver a Dirección Xeral de Saúde Pública. Desta forma, en 2024 creouse a figura da promotora de saúde na comunidade xitana, unha por área sanitaria.

Nos últimos meses as promotoras superaron unha formación en hábitos de vida saudables como a alimentación equilibrada, a práctica regular de actividade física e a redución de condutas de risco.

Actualmente esta rede está a realizar unha enquisa de saúde na comunidade xitana que agarda acadar os 600 participantes.

Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2025