O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe en Santiago ao alumnado do curso de sombreirería artesá impartido polo artesán da marca Félix de Martín
A Xunta reforza a aposta pola atracción de talento mozo e a remuda xeracional na artesanía no marco do Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030
José González destacou o carácter pioneiro da formación integral impartida polo artesán Félix Pérez -da marca Félix de Martín-, que é a primeira en Galicia e a única a nivel institucional realizada en España grazas á Fundación Artesanía de Galicia
Subliñou que o curso de sombreirería responde ao interese crecente nesta actividade, impártese na academia de Ana Prados e enmárcase no programa pioneiro Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que promove a profesionalización no sector artesán
Salientou a profesionalidade de Félix Pérez, un dos sombreireiros máis recoñecidos de España e o responsable de impartir formación de sombreirería na comunidade galega nos últimos anos favorecendo a incorporación de novos talentos
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta tarde ao alumnado do Curso completo de sombreirería artesanal, impartido polo artesán Félix Pérez -da marca Félix de Martín-, onde destacou o carácter pioneiro desta iniciativa de formación integral neste oficio, que é a primeira en Galicia e a única a nivel institucional realizada en España. Neste sentido, puxo de relevo a aposta do Goberno galego a prol da artesanía e da atracción de talento e pulo á remuda xeracional neste sector, cuestión que se reflicte, subliñou, no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030.
En relación ao curso, José González sinalou que se enmarca no programa pioneiro Aprender da tradición. Oficios e técnicas e é a primeira oportunidade que teñen tanto artesáns profesionais como novos talentos de ter unha formación de base moi completa en sombreirería, o que lles permitirá avanzar neste oficio. Ademais, responde ao interese crecente nesta actividade e está destinada a persoas de diferentes perfís, como graduados e estudantes en deseño de moda na EASD Mestre Mateo, titulares de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e profesionais da artesanía que están en proceso de inscrición do obradoiro.
Neste caso concreto, o curso, que se imparte na academia de Ana Prado -artesá inscrita tamén no Rexistro xeral de Artesanía na actividade de modista e cuxo atelier de noivas tamén visitou hoxe o conselleiro- divídese en dúas partes, que son a elaboración de sombreiros de rúa e a modistería de tocados e adornos. Isto permite, explicou o conselleiro, formar profesionais artesáns especializados nesta actividade cunha base sólida teórica e práctica para crear pezas de alta calidade, grazas ao labor e profesionalidade de Félix Pérez, encargado de impartir o curso. Nesta liña, o conselleiro puxo de relevo que é un dos sombreireiros máis recoñecidos de España e o responsable de impartir formación de sombreirería en Galicia nos últimos anos favorecendo a incorporación de novos talentos a Artesanía de Galicia como Julia Vilariño, da que foi mestre.
Aprender da tradición
En relación co programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, José González explicou que con el o Executivo autonómico promove a conservación dos oficios de sempre respectando a tradición e, ao tempo, evolucionando da man da innovación. Ademais, impúlsase a profesionalización no sector artesán, a atracción de talento mozo e promóvese a remuda xeracional en oficios tradicionais. Ao abeiro desta iniciativa, nos anos 2023 -ano no que xorde- e 2024 programáronse case unha vintena de cursos en áreas coma a sombreirería e noutras como a xastrería, acibechería, ourivería, patronaxe, marroquinería ou olería, entre outras. Ademais, para este ano e 2026 están previstos, polo momento, preto dunha decena de cursos, algúns relacionados con áreas das mencionadas.
Por último, o titular de Emprego, Comercio e Emigración expuxo que iniciativas coma esta exemplifican a aposta da Xunta a prol da artesanía galega, a través da Fundación Artesanía de Galicia e da marca Artesanía de Galicia, como vía de futuro para o emprendemento sostible e con identidade. Unha aposta, engadiu que se reflicte tamén no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 con medidas como as futuras bolsas de aprendices para o programa Aprender da tradición.