A Xunta felicita aos 120 alumnos que participaron nos cursos de formación sénior que imparte Ategal en Lalín
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria sinalou que estas accións formativas son un garante para o envellecemento activo e saudable
Lalín (Pontevedra), 11 de xuño de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta tarde na clausura do curso 2024/2025 das aulas sénior de Ategal en Lalín. Durante a celebración, felicitou aos 120 alumnos que formaron parte das diferentes formacións impartidas neste concello e que un ano máis contaron cunha gran acollida por parte da veciñanza.
Antón Acevedo fixo fincapé no traballo que desenvolve Ategal desde hai máis de catro décadas e sinalou que se trata dunha entidade de referencia no envellecemento activo. A través das súas actividades fomenta a participación dos maiores en diferentes eidos da sociedade e impulsa a súa formación para manterse activos.
O director xeral sinalou que este tipo de accións formativas son esenciais para garantir o envellecemento activo e saudable, ao tempo que se estimula a actividade cognitiva dos maiores e se prevén as situacións de dependencia. Por iso mesmo, lembrou que a Xunta de Galicia colaborou con esta entidade o pasado ano con máis de 190.000 euros, a través dun convenio, para seguir impulsando iniciativas que melloren o benestar dos maiores.