Rueda asiste á entrega dos premios Prensa Escuela e Voz Natura, que recoñecen o labor de máis de 78.000 escolares galegos

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acudiu esta mañá á entrega dos Premios Prensa Escuela e Voz Natura, unha iniciativa organizada pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e La Voz de Galicia.

Voz Natura, que conta co apoio da Xunta desde 2009, a través da Consellería de Educación, mediante o recoñecemento das iniciativas como actividades de innovación educativa, acadou cifras históricas de participación nesta edición, con 379 centros participantes e máis de 78.000 alumnos implicados. A temática principal desta edición puxo o foco na ciencia como ferramenta esencial para coñecer e protexer o medio natural. Ao longo do acto, tamén se fixo entrega dos galardóns do programa Prensa-Escuela, promovidos igualmente polo xornal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2025