A Xunta destaca o labor da Cámara de Comercio de Santiago no apoio ao tecido empresarial da súa contorna
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou está mañá na capital galega na presentación da Memoria anual de Actividades do ano 2024 da Cámara de Comercio de Santiago.
Gabriel Alén aplaudiu o labor realizado pola Cámara de Comercio de Santiago, non só durante 2024, senón ao longo da súa traxectoria, consolidándose como un dos grandes motores de dinamización do tecido produtivo da súa contorna. Neste contexto, destacou a colaboración en materia formativa a prol do sector comercial desenvolvida o pasado ano entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a entidade. Ademais, avanzou que, no marco do novo Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, a Xunta está a ultimar a posta en marcha dun Plan de formación do comercio, co obxectivo de impulsar accións adaptadas á realidade dos negocios e a través do cal tamén se prevén acordos con axentes clave como a Cámara de Comercio de Santiago para maximizar o impacto da iniciativa.