A Xunta pon en valor a Festa da Rosa de Mos como evento dinamizador nas contornas rurais
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á presentación deste evento, que salientou como elemento innovador e integrador dos recursos dispoñibles no territorio
Alemparte destacou que de cara á próxima edición deste evento, prevese celebrar de xeito conxunto a Festa dos Viños Rosados de Galicia, como un apoio “claro e decidido” na promoción dos novos produtos do sector vitivinícola como son os viños rosados
Mos (Pontevedra), 12 de xuño de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á presentación da Festa da Rosa de Mos, que mañá celebrará o seu día grande, e na que puxo en valor este evento como axente dinamizador nas contornas rurais, así como elemento innovador e integrador dos recursos dispoñibles no territorio.
A gastronomía galega terá especial importancia nesta edición xa que, tendo en conta a vinculación da Festa da Rosa coa exaltación da empanada de millo, aproveitouse a ocasión para favorecer a maridaxe deste produto con viños rosados da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. O evento conta tamén cun concurso para determinar cal é a mellor empanada, valorando aspectos como a presentación ou a orixinalidade.
Alemparte destacou que, de cara á próxima edición deste evento, prevese celebrar tamén a Festa dos Viños Rosados de Galicia, que se consolidará como un apoio “claro e decidido” na promoción dos novos produtos do sector vitivinícola como son os viños rosados, máis frescos e lixeiros seguindo as tendencias actuais do mercado do consumo deste tipo de viños.