A Xunta adxudica por 231.000 euros a actualización e revisión dos mapas de perigosidade e risco de inundación na demarcación Galicia-Costa para o período 2028-2033
O servizo de apoio técnico a Augas de Galicia neste labor inclúe tamén a xeración de cartografía de inundabilidade en tramos de menor risco de asolagamento
A Xunta avanza na planificación do plan para a xestión destes episodios no próximo ciclo de programación ao tempo que traballa na realización das actuacións previstas entre 2021 e 2027 para reducir o impacto dos episodios meteorolóxicos adversos
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia adxudicou recentemente por algo máis de 231.000 euros o contrato de servizo de apoio técnico na actualización e revisión dos mapas de perigosidade e risco de inundación nas áreas con risco potencial e significativo de asolagamento para o período 2028-2033 así como para a xeración de cartografía de inundabilidade en tramos de menor risco da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
O traballo -cun prazo de execución dun ano- consiste na asistencia a Augas de Galicia no deseño e elaboración destas ferramentas vitais para a planificación de actuacións fronte a estes episodios derivados de fenómenos meteorolóxicos adversos.
Este contrato enmárcase nas actuacións do organismo hidráulico autonómico para a elaboración do novo Plan para a xestión do risco de inundación na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa coa identificación de 565,7 quilómetros de ríos inundables en caso de eventuais episodios de chuvia intensa e crecidas e a toma de decisións que axuden a mellorar a súa capacidade de predición ante este tipo de fenómenos.
Neste sentido, cómpre subliñar que, a partir de agora e por primeira vez, se terán en conta as proxeccións climáticas e os efectos do quecemento global como elementos claves para planificar accións e prepararse fronte a futuras inundacións.
Precisamente, o organismo de conca autonómico rematou a comezos de ano a fase de avaliación preliminar do risco de inundación nos ríos galegos que están baixo a súa titularidade e xestión. O resultado destes traballos permite concluír que en Galicia-Costa hai un total de 172 áreas con risco potencial significativo de inundación (Arpsis) -a estas engádense 28 no litoral-, unha catalogación imprescindible para saber cales son os puntos máis sensibles dentro desta conca ante eventos de chuvia extremos ou eventuais episodios de asolagamento.
Os traballos incluídos abranguen distintas tarefas como o desenvolvemento dos mapas de perigosidade e risco de inundación para os novos tramos de río delimitados como Arpsi no período 2028-2033, a revisión e actualización -en caso de ser preciso- dos mapas de perigosidade e risco de asolagamento para o período 2021-2027 ou a consulta pública dos novos mapas de perigosidade e risco de inundación no ciclo 2028-2033.
A este labor engádense outras accións como a revisión e actualización da cartografía de inundabilidade desenvolvida por Augas de Galicia en tramos de río non catalogados como Arpsi, o seu sometemento a consulta pública, o desenvolvemento de actividades de participación pública relacionadas coa difusión dos mapas de perigosidade e risco de inundación do período 2028-2033 e do resto de cartografía de inundabilidade e as súas implicacións así como a delimitación cartográfica de zonas de reserva dentro do ámbito das Arpsi para a implementación de medidas incluídas nas propostas específicas para a xestión do risco de inundación.
Deste xeito, a Xunta avanza na planificación do plan para a xestión do risco de inundación na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa no período 2028-2033 ao tempo que traballa na realización das actuacións previstas no plan 2021-2027 -que recolle con 170 Arpsi fluviais e 28 costeiras- co fin de reducir na medida do posible o impacto dos episodios meteorolóxicos adversos.