A Xunta salienta a importancia da Festa da Rosa de Mos como evento dinamizador da economía rural

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participaron no acto institucional desta festividade que acada a súa 52ª edición

Gómez destacou o concurso de empanadas de pan de millo e a presenza dos viños rosados da Denominación de Orixe Ribeira Sacra como exemplo da calidade dos produtos agroalimentarios galegos

A Consellería do Medio Rural presentou este ano a Estratexia da planta ornamental e da flor cortada de Galicia, coa que se busca consolidar a nosa comunidade como un referente na súa produción

Mos (Pontevedra), 13 de xuño de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participaron hoxe no acto institucional da celebración da 52ª edición da Festa da Rosa de Mos, na que o conselleiro foi nomeado como valedor da rosa.

Gómez, que foi a encargada de pechar o acto, salientou a importancia desta festividade como evento dinamizador da economía rural, ao mesmo tempo que se xera cohesión social nestas contornas. Neste sentido, puxo en valor a aposta do Goberno galego por apoiar este tipo de iniciativas que contribúen ao desenvolvemento e a dar visibilidade ao rural.

A maiores, tamén quixo destacar que dentro da Festa da Rosa lévase a cabo o concurso de empanadas de pan de millo e, como novidade, inclúese a súa maridaxe con viños rosados da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, co obxectivo final de poñer en valor o bo facer dos produtores galegos e a calidade dos seus produtos agroalimentarios.

En concreto, a conselleira do Medio Rural fixo fincapé na promoción dos viños rosados xa que supón unha oportunidade para as adegas que elaboran este tipo de produto e, engadiu, que desde o seu departamento se apoiarán todas aquelas iniciativas que xeren sinerxías entre diferentes sectores para impulsar os produtos galegos.

Estratexia da planta ornamental e da flor cortada de Galicia

A Consellería do Medio Rural presentou este ano a Estratexia da planta ornamental e da flor cortada de Galicia para impulsar un sector que acada un valor económico de 82 millóns de euros na nosa comunidade. Cómpre salientar que Galicia é a terceira comunidade de España en produción de flor cortada e a quinta de planta ornamental.

A través desta estratexia, elaborada en colaboración coa Fundación Juana de Vega, búscase potenciar este eido produtivo para convertelo nunha industria puxante que xere beneficios a toda a poboación galega. Concretamente, o obxectivo desta planificación é o de consolidar a Galicia como referente na produción de planta ornamental e flor cortada de calidade, destacando pola súa sustentabilidade, innovación, e respecto ao medio ambiente, xerando valor económico e oportunidades de emprego e emprendemento nos espazos rurais no horizonte 2025-2035.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2025