O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe en Ourense o taller de deseño téxtil impulsado pola artesá Lola García
A Xunta pon en valor o compromiso do obradoiro Logaro co futuro da artesanía téxtil e a preservación das materias primas autóctonas galegas
José González puxo en valor que a creadora, que nos últimos anos está volcada fundamentalmente no eido do deseño, recolle o legado de diversas técnicas téxtiles, algunhas en desuso, cunha gran aposta pola creatividade e a vangarda
Destacou pezas icónicas deste obradoiro coma ‘Orixe’, un xersei elaborado con la de raza de ovella galega pola que foi finalista nos Premios Artesanía de Galicia 2023
Neste eido, destaca tamén o seu labor a prol da reactivación da producción local desta fibra autóctona impulsando o evento Paseo da La, que conta co apoio da Xunta e cuxo obxectivo é dar a coñecer os oficios vinculados á súa produción artesanal
José González agradeceu tamén o seu traballo divulgador, clave para a remuda xeracional, e a súa colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia como docente en eventos como o Corazón da Artesanía da Agolada e Artesanía no Courel
A Xunta mantén un firme compromiso con este sector que se seguirá potenciando a través do vixente4 Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 que reforzará, entre outras medidas, a continuidade do programa pioneiro ‘Aprender da tradición’
Ourense, 14 de xuño de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá o obradoiro Logaro, proxecto da artesá de deseño téxtil Lola García Romaneli e especializado en calceta, gancho e centón (patchwork).
José González puxo en valor que a creadora, que nos últimos anos está volcada fundamentalmente no eido do deseño— recolle o legado de diversas técnicas téxtiles —algunhas en desuso— cunha gran aposta pola creatividade e a vangarda, froito dunha sólida formación en Madrid, Barcelona e Estados Unidos. Así, o conselleiro destacou pezas deste obradoiro coma Orixe, pola que foi finalista nos Premios Artesanía de Galicia 2023, un xersei elaborado con la de ovella galega, que representa, indicou, a tradición téxtil galega e as técnicas artesanais asociadas ao ámbito doméstico e rural, constituíndo unha vía de reactivación estreitamente vencellada aos materiais autóctonos de Galicia.
A este respecto, o titular de Emprego recoñeceu o compromiso de Lola García co emprendemento vencellado ao territorio e ao impulso da economía de proximidade, dos produtos tradicionais e naturais e da riqueza patrimonial. Cómpre sinalar que é unha das impulsoras do evento Paseo da La, que vén de celebrar a súa cuarta edición en Sarreaus (Ourense) coa colaboración da Xunta e cuxo obxectivo é dar a coñecer os oficios vinculados á produción artesanal da la con Denominación de Orixe, entre os que se atopan pequenos produtores e profesionais dedicados ao procesado, ao fiado artesanal, ao tinguido e ao tecido destas fibras. De feito, puxo en marcha LoeBee, un proxecto de recuperación, fiado e comercialización da la de ovella galega autóctona, en colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega. A isto súmase a súa crecente incursión no mundo da moda participando no desfile ArtEncaixe da Mostra do Encaixe de Camariñas, coas coleccións Noiva en 2024 e Prímula en 2025, nas que propón prendas elaboradas á man que unen artesanía tradicional e oficio con deseño contemporáneo.
José González agradeceu tamén o seu traballo divulgador, clave para a remuda xeracional, e a súa colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia como docente en eventos como o Corazón da Artesanía da Agolada e Artesanía no Courel.
Impulso estratéxico do sector artesán
Logaro é un dos arredor de 70 obradoiros artesáns ahderidos a Artesanía de Galicia na provincia de Ourense. O Goberno galego mantén un firme compromiso con este sector fundamental, fonte de emprego, de desenvolvemento sustentable e de emprendemento ligado ao territorio, que promove a través do labor fundamental da Fundación Artesanía de Galicia e que, ademais, ten un oco prioritario no vixente Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030, a nova folla de ruta que impulsa a Xunta a prol deste sector clave.
Ademais de medidas específicas para continuar impulsando o sector comercial e adaptándoo aos novos retos, o plan tamén contempla actuacións para garantir a competitividade e a remuda xeracional dos oficios tradicionais, reforzando, entre outras medidas, a continuidade do programa pioneiro iniciado en 2023 Aprender da tradición, coa vontade de incrementar o número de actividades e a diversidade de técnicas.