A Xunta leva ao alumnado do CEIP Plurilingüe Os Casais de Fene o seu proxecto educativo ‘Artesanía na escola’ da man da zoqueira Elena Ferro
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe este centro educativo no marco dunha nova xornada da unidade didáctica Eu son zoqueira
Fene (A Coruña), 16 de xuño de 2025
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe Os Casais, de Maniños (Fene), onde están a traballar coa unidade didáctica Eu son zoqueira, no marco do programa Artesanía na Escola, impulsado pola Xunta para achegarlle os oficios artesanais e os valores do produto feito á man a escolares de colexios de toda Galicia. Ata o centro achegouse tamén a zoqueira Elena Ferro, protagonista da unidade didáctica, para amosarlle aos nenos e nenas o proceso de elaboración de zocos.
Artesanía na escola consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais e nas que se inclúen unha unidade didáctica en papel que se lle envía aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar cos alumnos. Cada unidade didáctica fala dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa.
En concreto, Eu son zoqueira está centrada no oficio da elaboración tradicional de zocos a través da figura de Elena Ferro, responsable de Eferro (Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo dende o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.
Achegar os oficios artesáns á mocidade
Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, abordar o relevo xeracional nos oficios artesanais.
Neste ano estase a levar aos centros de ensino a segunda das unidades do programa —Eu son artesán de percusión tradicional, dedicada á elaboración de pandeiretas a través do artesán Xosé Manuel Sanín—, e estase a traballar xa noutras unidades temáticas centradas na ourivería compostelá, na cerámica ou na cestería, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa.