A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo e co Goberno local
A Xunta inviste 110.000 euros para o deseño dun proxecto piloto de refuxios climáticos no concello de Ourense co fin de impulsar zonas verdes na cidade
Este é o primeiro paso da iniciativa, que na súa segunda fase prevé a creación de áreas verdes que sirvan para que a poboación se protexa das altas temperaturas
Elaborarase un mapa de illas de calor para identificar os espazos máis quentes e frescos da urbe ao tempo que se determinarán as mellores solucións para crear refuxios climáticos cos que facer fronte aos efectos do quecemento global
Ángeles Vázquez subliña que Ourense é o lugar ideal para desenvolver esta iniciativa polo seu clima extremo, unha orografía peculiar e a presenza de abundante infraestrutura gris que intensifica o efecto illa de calor
Os resultados permitirán validar unha metodoloxía e un modelo exportable ao resto de concellos galegos de máis de 20.000 habitantes, facilitando que poidan replicalo ou adoptar medidas semellantes na súa área de influencia
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025
A Xunta investirá 110.000 euros a través dun convenio de colaboración coa Universidade de Vigo e o Concello de Ourense no deseño dun proxecto piloto de refuxios climáticos a través do cal se elaborará un mapa de illas de calor e refuxios climáticos na cidade co fin de impulsar novas zonas verdes na área urbana.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinou hoxe o acordo co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e co rexedor ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, para desenvolver os traballos que permitirán localizar tanto eses espazos coas temperaturas máis altas da cidade como os máis frescos e con arborado que poidan empregarse en episodios de moito calor así como a identificación de medidas necesarias para desenvolvelos como o plantado de árbores e outras solucións baseadas na natureza para combater os efectos do quecemento global.
De feito este é o primeiro paso do proxecto piloto de refuxio climático na cidade de Ourense -a elaboración do mapa de illas de calor e refuxios climáticos- ao que seguirá despois a creación de refuxios climáticos, zonas verdes nas que a poboación poida refuxiarse en momentos de temperaturas elevadas.
Ángeles Vázquez salientou que a Xunta financiará integramente os traballos para a elaboración do mapa de áreas quentes e frescas, a Universidade de Vigo encargarase de realizalos e o Concello ofrecerá a súa colaboración no desenvolvemento das actuacións.
Nesta liña, subliñou que a elección da cidade de Ourense para a execución deste proxecto piloto se debeu a que ten un clima moi extremo, con veráns moi cálidos, cunha orografía peculiar e con características das áreas urbanas como a presenza de abundante infraestrutura gris -rúas asfaltadas ou edificios de formigón- que provocan que aumenten aínda máis as temperaturas e o efecto illa de calor.
A conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, tamén lembrou que os resultados obtidos nesta acción permitirán validar unha metodoloxía e un modelo exportable ao resto de concellos galegos de máis de 20.000 habitantes, que poderán replicalo ou adoptar solucións semellantes. Estes espazos verdes de nova creación, ademais de contribuír a facer fronte ás vagas de calor -cada vez máis frecuentes a nivel global- converteranse nun elemento clave para velar pola biodiversidade da contorna ao asegurar a conservación das especies autóctonas e a continuidade dos procesos ecolóxicos.
Estratexia galega
Deste xeito, incidiu a responsable autonómica, a Xunta avanza no seu obxectivo de impulsar as zonas verdes, adaptadas ao cambio climático e cunha mellor calidade de vida, para promover Galicia como refuxio climático. De feito, o fin último é consolidar a posición da comunidade como a máis resiliente ao quecemento global para acadar a neutralidade climática en 2040.
Nese contexto, e como unha ferramenta máis para conseguilo, enmárcanse as axudas convocadas por primeira vez este ano e dirixidas a concellos para o impulso de espazos verdes como solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos. En total aprobouse a concesión de 42 achegas a 35 concellos por importe de 2 millóns de euros para desenvolver iniciativas coas que crear refuxios climáticos urbanos, impulsar actuacións que aumenten a biodiversidade e mellorar as infraestruturas verdes e fluviais.