O director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, interveu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego
A Xunta renovará o plan sanitario do verán que demostrou a súa efectividade o pasado ano
O Goberno galego presentará nos vindeiros días a planificación da asistencia sanitaria para o período estival, que fará compatible unha atención de calidade coas vacacións dos profesionais e o incremento da poboación turística
Alfredo Silva subliña a fortaleza do sistema sanitario público galego, que medra cada ano en recursos e profesionais e está preparado para garantir unha asistencia sanitaria de calidade sempre e pese á escaseza de determinados especialistas
A planificación e a implicación dos profesionais fixo posible que o pasado verán a sanidade pública galega non só mantivese os niveis de actividade senón que mesmo medrase, realizando 500 operacións de prioridade 1 máis que o ano anterior
Nos puntos de atención continuada (PAC) atendéronse o pasado verán 25.000 urxencias máis que no verán de 2023
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, avanzou esta mañá no Parlamento que a Xunta renovará o plan sanitario do verán que xa demostrou a súa efectividade o pasado ano.
Durante a súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, Silva Tojo sinalou que o Goberno galego presentará nos vindeiros días a planificación da asistencia sanitaria no período estival, que fará compatible unha atención de calidade coas vacacións dos profesionais e o incremento da poboación turística en determinadas zonas.
O director xeral de Asistencia Sanitaria remarcou a fortaleza do sistema sanitario público de Galicia, que conta con case o 40 % do Orzamento da Xunta e cun total de 43.000 traballadores de media, medrando anualmente en recursos e en profesionais.
Isto, sumado ao esforzo de xestión que realiza a Consellería de Sanidade, fai posible garantir unha asistencia sanitaria de calidade ao longo de todo o ano e a pesar da escaseza de determinados profesionais sanitarios, especialmente facultativos dalgunhas especialidades.
Grazas ao esforzo de planificación e á implicación dos profesionais sanitarios, o pasado verán foi posible non só manter a asistencia sanitaria e os niveis de actividade, senón mesmo incrementalos.
Neste senso, Alfredo Silva lembrou que en 2024 se rexistrou un aumento da actividade dos fisioterapeutas, matronas, traballadores sociais e nutricionistas, manténdose os niveis das consultas médicas do ano anterior. Ademais, nos puntos de atención continuada (PAC) atendéronse 25.000 urxencias máis que no verán de 2023, o que representa un aumento do 6,08 %.
Destacou especialmente o incremento das operacións cirurxías de prioridade 1 realizadas no verán de 2024, que foi dun 8,6 %, o que significa 500 intervencións prioritarias máis que o ano anterior, feitas, ademais con menor tempo de espera, chegando a só 24 días.
Durante a súa intervención, Silva reiterou que este verán, como sempre, o 100 % das camas hospitalarias estarán dispoñibles, de ser necesario, e se manterá operativo o 88 %.
Segundo apuntou, esta definición de recursos realízase de acordo aos datos de demanda reais e de ocupación hospitalaria rexistrados en anteriores veráns, unha análise pormenorizada que ten en conta factores como á redución estacional das patoloxías e a correlativa redución de ingresos por enfermidade.
A esta estimación baseada en datos reais, engádeselle unha marxe de seguridade por riba dun 10-12 %, unha porcentaxe que permite garantir a correcta atención sanitaria dos pacientes. Entre os meses de xullo e setembro dos anos 2023 e 2024, a ocupación hospitalaria real non chegou ao 72 %, precisou Silva, polo que a marxe de dispoñibilidade é ampla.
O director xeral incidiu en que todas as áreas sanitaria contan tamén con Plans operativos de continxencia que permiten dar unha resposta asistencial axeitada ante calquera situación imprevista.