A Xunta remarca que o novo contrato con Povisa segue as recomendacións do Consello de Contas
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, subliña no Parlamento que se pasou do modelo de concerto a un contrato de servizos no que se paga en función da actividade realizada
Explica que o novo contrato permite un maior control por parte da administración, creándose unha Unidade de Supervisión para o seguimento
Lembra que o obxectivo é a prestación da asistencia sanitaria especializada á poboación da área de Vigo que así o elixa de forma voluntaria
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, remarcou hoxe que o novo contrato entre o Servizo Galego de Saúde e o Hospital Povisa segue ás recomendacións recollidas no informe do Consello de Contas.
En resposta a unha pregunta formulada no marco da Comisión 5ª do Parlamento, a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade incidiu en que o modelo contractual establecido entre o Servizo Galego de Saúde e Povisa mudou, pasando dun concerto a un contrato de servizos onde o pagamento se fai en función da actividade efectivamente realizada e non mediante un sistema de cápita, como se facía anteriormente, atendendo así ás recomendacións do Consello de Contas.
O novo contrato leva aparellado un maior control da actividade por parte da administración a través da Unidade de Supervisión e Control que se ocupa do seguimento.
Natalia Lobato dixo que o Executivo galego, unha vez finalizado o contrato anterior, procedeu a licitar outro novo, con estrita suxeición á normativa de contratación e ás recomendacións do Consello de Contas.
A representante da Consellería de Sanidade incidiu en que, logo da tramitación do expediente de contratación, publicouse no perfil do contratante a resolución da adxudicación na que figuran os importes e as tarifas dos procesos e a actividade concertada, dando así cumprimento ás normas de transparencia previstas na Lei de Contratos do Sector Público.
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade incidiu en que o obxecto do contrato é a prestación da asistencia sanitaria especializada á poboación protexida polo Servizo Galego de Saúde asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueles outros que a administración determine do Concello de Vigo, que libremente así o elixa.
Libre elección
Natalia Lobato explicou que o contrato parte do principio de libre elección por parte dos pacientes, polo que ningún doente que non queira estar en Povisa vai estar adscrito a ese hospital.
A apertura do prazo de elección está establecida tras un ano desde a sinatura do contrato. Deste xeito, e con periodicidade anual, o órgano de contratación establece un prazo de 30 días naturais para que os usuarios poidan exercer o seu dereito de libre elección. Esta cifra será a que fixe a poboación de referencia de Povisa. Na actualidade este centro sanitario conta con 113.081 tarxetas sanitarias.
O novo concerto establecido polo Servizo Galego de Saúde co Hospital Povisa, foi adxudicado o pasado mes de marzo para un período de dous anos.
“Tendo en conta o disposto na Lei de saúde e no acordo básico pola saúde da área sanitaria de Vigo, a Consellería de Sanidade actuou con responsabilidade, traballando para acadar un novo contrato que se adecuase ás novas necesidades desa área sanitaria e ás recomendacións do Consello de Contas”, sinalou.
E todo iso, concluíu, “co fin de garantir a mellor asistencia aos pacientes que voluntariamente elixan recibir a súa asistencia sanitaria neste centro hospitalario xa que ningún paciente que non desexa vai estar adscrito a el”.