O presidente da Xunta participou hoxe na Asemblea Anual da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO)
Rueda enxalza o compromiso do tecido empresarial ourensán como motor económico e laboral
Reivindica o papel das pemes galegas como esenciais para o desenvolvemento de Galicia e pon en valor o papel da Confederación na súa consolidación e crecemento
Fai referencia ao Diálogo Social como ferramenta clave, e destaca os eidos prioritarios de traballo para o sector empresarial, incluíndo a loita contra o absentismo inxustificado e a atracción de talento
Ourense, 25 de xuño de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou esta tarde na Asemblea Anual da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), onde destacou a relevancia do tecido empresarial ourensán como motor de progreso, xeración de emprego e benestar social en Galicia.
Rueda puxo en valor a traxectoria da CEO ao longo de case cinco décadas como entidade de referencia, útil e coñecedora das necesidades das máis de 10.000 empresas da provincia. Subliñou que Galicia non sería a mesma sen as súas pemes, e que entidades como a Confederación son fundamentais para a súa consolidación e crecemento.
O titular do Goberno galego tamén fixo un repaso á situación económica da Comunidade, apuntando datos positivos como a baixada do IPC ao 1,68%, o récord histórico de exportacións de 2024 e o incremento da produción industrial nos primeiros meses de 2025. Sinalou, ademais, que Galicia presenta actualmente a cifra de paro máis baixa desde que existen rexistros.
Rueda incidiu no papel da Xunta como unha Administración facilitadora, que non pon obstáculos senón que busca apoiar proxectos viables e con impacto real. Afirmou que Galicia non pode permitirse perder oportunidades, e que a Xunta está decidida a actuar con responsabilidade para impulsalas.
En canto aos retos compartidos co sector empresarial, o xefe do Executivo autonómico fixo referencia ao Diálogo Social como ferramenta clave, e enumerou catro eidos prioritarios: a cobertura de vacantes, a atracción de talento, a loita contra o absentismo inxustificado e o fomento do emprendemento e do traballo autónomo. Entre as medidas destacadas, citou o uso da intelixencia artificial no Servizo Público de Emprego, programas como Galicia Emprega, a Estratexia Galicia Retorna, e o apoio á remuda xeracional no comercio tradicional.