A Xunta destaca a intelixencia artificial como unha oportunidade para mellorar a competitividade do sector da madeira e o deseño
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración do Programa de Formación Directiva en Intelixencia Artificial impulsado polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia
Pon en valor a importancia de trasladar a innovación á realidade das empresas, identificando aplicacións concretas que permitan aforrar tempo, mellorar a toma de decisións e optimizar procesos
Lembra que o Igape conta con IA360 como instrumento específico para apoiar tanto o desenvolvemento de tecnoloxía propia como a aplicación de solucións de intelixencia artificial nas empresas galegas
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe o potencial da intelixencia artificial (IA) para seguir avanzando na modernización e na competitividade dun sector consolidado como o da madeira e o deseño, incorporando novas ferramentas capaces de mellorar procesos, incrementar a produtividade e xerar maior valor.
Toca Carús participou en Santiago na inauguración do Programa de Formación Directiva en Intelixencia Artificial para empresas do sector da madeira e o deseño, unha iniciativa impulsada polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, co apoio do Igape, para achegar estas tecnoloxías á realidade empresarial.
Durante a súa intervención, incidiu en que a innovación non é exclusiva dos sectores emerxentes ou das empresas tecnolóxicas, senón que constitúe tamén unha vía para continuar transformando industrias xa consolidadas. Neste sentido, destacou que a madeira e o deseño conforman un sector con coñecemento, experiencia e unha cadea de valor desenvolvida, que mantén unha aposta constante pola evolución e a incorporación de tecnoloxía.
Así, a directora do Igape puxo en valor o carácter práctico do programa, orientado a que os participantes analicen as súas propias empresas e identifiquen onde pode a IA aportar realmente valor, desde o aforro de tempo e a mellora da toma de decisións ata a resolución de problemas concretos.
Neste contexto, Toca Carús subliñou tamén a importancia de contar con persoas capacitadas, datos de calidade, seguridade e supervisión humana, ao tempo que destacou o papel dos clústeres como aliados pola súa proximidade ás empresas e o seu coñecemento das necesidades de cada sector. “A tecnoloxía é importante, pero as decisións seguen sendo nosas”, remarcou.
Finalmente, reafirmou o compromiso da Xunta de acompañar as empresas para converter estas oportunidades en proxectos concretos, lembrando que o Igape conta con IA360 para apoiar tanto o desenvolvemento de tecnoloxía propia como a aplicación de solucións de intelixencia artificial. “Non se trata de incorporar IA porque agora todo teña que levar esas siglas, senón de utilizala onde nos permita traballar mellor, xerar máis valor e competir mellor”, concluíu.