Román Rodríguez destaca o potencial da FP galega na súa visita á empresa RQR, ao abeiro do programa Innovatech FP
O conselleiro de Educación salienta a capacidade da Formación Profesional para conectar o talento dos centros educativos coas necesidades reais das empresas
A firma RQR resultou gañadora do reto formulado pola marca elPulpo e desenvolveu a súa proposta no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros
O proxecto aposta polo emprendemento feminino, a produción sostible e a posta en valor do rural galego
Castro de Rei (Lugo), 27 de xuño de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a empresa artesanal RQR, nacida no marco da primeira edición do programa InnovaTech FP, unha iniciativa da Xunta que impulsa o talento innovador do alumnado da Formación Profesional. O titular de Educación puxo en valor o éxito deste proxecto, desenvolvido no Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, e destacou a importancia de iniciativas como esta para fortalecer a relación entre a educación e o tecido produtivo.
O representante do Goberno galego puxo de exemplo a RQR de “como a FP pode xerar solucións reais e innovadoras para o sector empresarial, ao tempo que dinamiza o rural e crea oportunidades para a xuventude”, sinalou o titular de Educación. A empresa resultou gañadora do reto proposto pola marca elPulpo, centrado no deseño de solucións creativas e sustentables no sector da moda con identidade galega. A proposta deu lugar á colección cápsula ‘Mouchos’, composta por dúas liñas: artigos rematados como calzado artesanal e complementos decorativos e téxtiles.
O proxecto aposta por revalorizar os oficios tradicionais, impulsar o autoemprego feminino, reducir residuos contaminantes e fomentar a produción local e artesanal desde o rural galego. A súa promotora, Ruth Álvarez, xa habilitou un obradoiro artesanal que funciona como unidade de produción artesanal. “Estamos ante unha iniciativa que combina innovación, tradición e sustentabilidade, un proxecto cun forte impacto social e económico, nacido da FP”, asegurou o conselleiro.
O proxecto RQR contou cunha achega de 10.000 euros por parte da Consellería de Educación ao resultar gañador da primeira edición do programa InnovaTech FP. Este programa vén de resolver a súa segunda edición, cunha participación de 20 empresas, o dobre que na convocatoria anterior, o que confirma o seu impacto positivo e crecente. “A FP está a demostrar que é sinónimo de futuro, capacidade e innovación. Iniciativas como InnovaTech FP axudan a achegar o alumnado ao mundo real e a promover o emprendemento desde as aulas”, concluíu Román Rodríguez.