O conselleiro de Sanidade, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, visitou a sede da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga, ACLAD, na Coruña que atende preto de 1.700 pacientes e realiza case 30.000 intervencións ao ano
Gómez Caamaño destaca o apoio da Xunta ás entidades que asisten ás persoas con trastornos adictivos, cun investimento de 12,5 M€ en 2025
Incide na aposta do Goberno galego pola prevención das adiccións e a asistencia ás persoas que as padecen
Preto de 7.000 persoas recibiron asistencia a través dos convenios da Xunta con nove entidades sen ánimo de lucro ás que este ano destina case 8 M€
O Diario Oficial de Galicia publicará a próxima semana a liña de axudas da Consellería de Sanidade de 1,3 M€ para programas sociosanitarios no ámbito dos trastornos mentais e as adiccións, que incrementan a súa dotación nun 12 %
A Xunta traballa para a integración das unidades de atención á drogodependencia municipais no Servizo Galego de Saúde, ás que destina cada ano 4 M€
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o apoio da Xunta ás entidades sen ánimo de lucro que asisten ás persoas con trastornos adictivos, achegando este ano 12,4 millóns de euros en distintas liñas de actuación.
O conselleiro de Sanidade, acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse con profesionais da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (Aclad) na súa sede da Coruña.
Gómez Caamaño puxo de relevancia o labor que realiza a entidade nas súas instalacións, que contan con unidade asistencia, unidade de día e espazos destinados a terapias individuais e grupais. Este traballo compleméntase co centro residencial que Aclad xestiona en Culleredo. A asociación realiza case 30.000 intervencións ao ano e nestes momentos atende a preto de 1.700 pacientes.
A Xunta e a entidade coruñesa comparten o obxectivo común de ofrecer a mellor atención ás persoas que sofren trastornos relacionados co consumo de sustancias.
Para colaborar co labor da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga, a Consellería de Sanidade colabora cunha achega de 2 millóns de euros. Esta colaboración enmárcase na estratexia de apoio que a Xunta mantén con nove entidades sen ánimo de lucro que este ano acada case os 8 millóns de euros. As entidades que traballan no tratamento e prevención das adiccións en toda Galicia en 2024 prestaron asistencia a preto de 7.000 persoas.
Gómez Caamaño adiantou que a próxima semana a Xunta publicará unha nova convocatoria de incentivos por importe de 1,3 millóns de euros destinados ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para realizar programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais. Con respecto á convocatoria do ano anterior, o investimento increméntase nun 12 %.
Por outra banda, a Xunta está a avanzar na integración no Servizo Galego de Saúde das 13 unidades municipais de atención á drogodependencia, ás que destina cada ano 4 M€ a través do convenio coa Fegamp. O obxectivo é construír un modelo asistencial máis homoxéneo, coordinado e eficaz en toda Galicia.
Ademais, o Goberno galego aprobará en breve a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas, comp paso previo á súa remisión ao Parlamento para a súa aprobación definitiva. Trátase dunha norma pioneira no ámbito da prevención das adiccións con medidas como a prohibición da venda de vapeadores e bebidas enerxéticas a menores, restricións na publicidade do alcohol e maiores controis contra o botellón.