A Xunta destaca o legado da emigración galega en Madrid a través do valor simbólico das campás da Catedral da Almudena
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na celebración do 25º aniversario da súa instalación, nun acto que puxo en valor a conexión histórica entre Galicia e a capital española
A iniciativa, promovida pola diáspora galega, consolidouse como un símbolo de identidade e memoria colectiva recoñecido pola sociedade madrileña
Madrid, 3 de xullo de 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe en Madrid nun acto de posta en valor das coñecidas como campás galegas da Catedral da Almudena, símbolo da pegada e presenza da comunidade galega na capital española.
As catro campás, fundidas en bronce pola histórica Casa Ocampo, levan gravados os nomes das principais advocacións marianas de Madrid: Santa María a Real da Almudena, Santa María da Paloma, Santa María de Atocha e Santa María da Flor de Lis. Desde a súa instalación, son coñecidas popularmente como as campás dos galegos, converténdose nun símbolo que une Galicia con Madrid a través da tradición e da memoria colectiva.
O secretario xeral destacou que estas campás “son un recordatorio sonoro da pegada que deixaron e seguen a deixar os galegos na historia e na vida madrileña”, e subliñou a importancia de iniciativas coma esta para “manter viva a identidade galega e reforzar os lazos entre as comunidades galegas espalladas polo mundo”.
Repicando desde hai máis de 25 anos, estas campás constitúen un exemplo da xenerosidade e compromiso da colectividade galega coa súa terra de acollida, así como unha mostra singular do legado relixioso e histórico da cidade de Madrid, recoñecido tanto pola veciñanza como polos visitantes da catedral.
O acto rematou coa actuación do músico Amancio Prada.