A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e o delegado da Xunta en Ourense, visitan o campo ‘Viaxa pola istoria’ de Ribadavia

Preto de 600 mozos participan nos campos de voluntariado da Xunta este verán

A actividade, organizada ao abeiro da Festa da Istoria, inclúe a preparación dos elementos ornamentais, obradoiros de baile, visitas e tarefas de dinamización turística

A iniciativa está enmarcada na programación estival Modo verán activo, que este ano desfrutan 11.630 rapaces e rapazas en toda Galicia

Ribadavia (Ourense), 7 de xullo de 2025

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron hoxe en Ribadavia á mocidade do campo de voluntariado Viaxa pola istoria, unha das iniciativas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incorpora na campaña Modo Verán Activo e na que participan preto de 600 mozos e mozas nesta modalidade. Alí, Meneses, destacou “a gran importancia de participar activamente nestas experiencias que favorecen e fomentan a convivencia, a partipación e a solidariedade entre eles”.

Este campo de voluntariado está enmarcado na modalidade festival e cultural e os 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que participan en actividades de apoio ao proceso de organización dunha Festa de Interese Turístico Nacional, como é a Festa da Istoria. As tarefas que realizarán clasifícanse en dúas áreas de actuación, unha de preparación dos elementos ornamentais da caracterización para a cita e outra de elaboración de recursos turísticos para a dinamización da vila. Ademais, propóñense actividades complementarias como rutas polo concello e comarca ou obradoiros de baile e música tradicional.

A cifra de participantes nos campos de voluntariado está incluída nas 11.630 prazas que a Xunta ofrece na súa programación estival deste 2025, sendo a maior oferta da súa historia, e que abrangue tamén campamentos, os minicampamentos Coñece Galicia, actividades para maiores de 18 anos ou a posta a disposición das instalacións xuvenís xestionadas pola Administración autonómica para o seu uso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2025