A Xunta convoca 686 prazas de novos procesos selectivos para acceder como persoal estatutario fixo ás especialidades de facultativo especialista de área e de enfermeiro especialista

Do total de prazas convocadas, 426 corresponden a diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área e 260 a varias especialidades da categoría de enfermeiro especialista

O prazo de inscrición remata o 30 de setembro para a categoría de facultativo especialista de área e o 5 de setembro para o persoal de enfermaría especialista

Como novidade neste proceso, elimínase o requisito de estar en posesión da nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo na categoría de enfermeiro especialista

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde coas convocatorias do concurso-oposición para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área e de enfermeiro especialista.

O número de prazas ofertadas é de 426 para a categoría de facultativo especialista de área; 128 na de persoal de enfermería especialista en familiar e comunitaria; 69 para enfermeiro obstétrico-xinecolóxico; 60 en enfermería pediátrica; e 3 na especialidade de enfermeiro especialista en enfermaría do traballo.

O formulario de inscrición está dispoñible a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, no expediente electrónico do profesional (FIDES/Expedient-e/Procesos/OPE).

O prazo de inscrición remata o 30 de setembro de 2025 para a categoría de facultativo especialista de área e o 5 de setembro de 2025 para o persoal de enfermería especialista.

Os interesados en participar no proceso selectivo deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter no momento da toma de posesión como persoal estatutario fixo, os requisitos recollidos na resolución de convocatoria.

Novidade na convocatoria

Como novidade neste proceso, elimínase o requisito de estar en posesión da nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo na categoría de enfermeiro especialista.

O órgano convocante poderá verificar certos requisitos de participación a través da plataforma de interoperabilidade da Xunta de Galicia (PasaXe!). Isto implica que os aspirantes que non se opoñan no formulario de solicitude de participación á consulta a través da plataforma de interoperabilidade non terán a obriga de achegar certa documentación acreditativa como o DNI ou NIE, o certificado de discapacidade ou o certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial se foron expedidos por organismos da Comunidade Autónoma de Galicia, a certificación de antigüidade como demandante de emprego e de non percibir no momento actual prestación ou subsidio por desemprego en calquera parte do territorio nacional.

Fóra destes supostos, ou cando conste a oposición expresa á súa consulta, os aspirantes deberán presentar a documentación acreditativa dos requisitos indicados na base segunda da convocatoria.

Os méritos que se terán en conta na fase de concurso son os recollidos no Anexo IV da convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os interesados deberán rexistralos debidamente no seu expediente electrónico do profesional (Fides/expedient-e) e acreditalos documentalmente na forma e prazos indicados na convocatoria.

Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.

Data de actualización: 07/07/2025