Rueda resalta que a Xunta intensifica este verán as obras de mellora nos centros escolares con máis de 300 actuacións e un investimento de 106 M€

Sinala que se avanzará na execución en distintas fases de 83 grandes intervencións, que inclúen ampliacións de colexios e institutos e rehabilitacións integrais

Aproveitaranse as vacacións do alumnado para realizar 227 obras de menor tamaño como pintura, reparacións, instalación eléctrica, baños, cociñas, patios...

As actuacións abranguen centros tanto de zonas urbanas como rurais e de todas as etapas educativas, desde Infantil ata Formación Profesional

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico vai destinar 106 millóns de euros este verán a realizar máis de 300 obras en centros escolares de toda a comunidade, o que significa que haberá traballos de mellora en un de cada cinco centros públicos de Galicia.

O informe analizado hoxe no Consello sobre as actuacións que se van desenvolver no período estival establece que haberá tanto grandes intervencións como outras obras de mediana e pequena envergadura “tamén necesarias”. A intención, segundo destacou o titular do Goberno galego, é “ter a punto os centros de cara ao vindeiro curso”.

Na epígrafe das obras de “gran envergadura”, a cifra elévase a 83 obras cun investimento de máis de 103 M€. Tal e como apuntou Rueda, as obras serán de ampliación, rehabilitación ou cambio de cuberta tanto en centros das cidades como de zonas rurais que abranguen distintas etapas educativas, desde as escolas infantís ata a formación profesional, así como os niveis obrigatorios. Delas, 31 correspóndense coa provincia da Coruña (42,9M€), 12 na de Lugo (7,1 M€), oito na de Ourense (4,7 M€) e 32 coa de Pontevedra (48,6 M€).

En concreto, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ten en execución neste momento 34 grandes intervencións, cun importe de 42,6 M€. Todas elas continuarán desenvolvéndose ao longo dos próximos meses, axilizando os traballos para realizar o groso dos mesmos aproveitando que non hai clases nos centros de ensino. Por provincias, na da Coruña estanse a executar 13 obras por máis 15,3 M€, na de Lugo tres por case 4,4 M€, na de Ourense catro por 4 M€ e na de Pontevedra 14 por 18,9 M€.

Neste punto inclúense ata 11 obras de ampliación por necesidades de escolarización e oferta educativa, entre as que destacan as do Instituto Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis, 5,4 M€), Centro Integrado de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa, 3,7 M€), Centro Público Integrado As Mirandas (Ares, 3,1 M€), Instituto Eduardo Pondal (Santiago de Compostela, 3 M€), Instituto Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño, 2,4 M€), Instituto de Pastoriza (Arteixo, 2,1 M€) e do Instituto Pedro Floriani (Redondela, 1,9 M€).

Confort de alumnado e profesorado

Así mesmo, están en execución cinco rehabilitacións integrais, as máis relevantes as do Instituto Lucus Augusti (Lugo, 3,3 M€), Instituto Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña, 1,7M€) e Colexio Pérez Viondi (A Estrada, 1 M€). Tamén continúan os cambios de cuberta dos centros integrados de FP Valentín Paz Andrade e Manuel Antonio (Vigo, 1,9 M€ 1,5M€) e as melloras sectoriais do Instituto Salvador de Madariaga (A Coruña, 1,7 M€). Son unha tipoloxía de obras que combinan numerosas medidas e que, por conseguinte, redundan nunha mellora do confort tanto por parte do alumnado como do profesorado.

Neste apartado de intervencións de gran calado, o departamento educativo da Xunta de Galicia ten previsto iniciar os traballos, adxudicar ou licitar outras 49 actuacións ao longo do verán, por un importe de 60,7 M€. Son 18 na provincia da Coruña (27,6 M€), nove na de Lugo (2,7 M€), catro na de Ourense (700.000 €) e 18 na de Pontevedra (29,7 M€).

Inicio de novas actuacións

Na maior parte destas intervencións xa están a piques de comezar as obras ou moi próximas á adxudicación. Neste caso cómpre salientar a construción do novo Colexio do Milladoiro (Ames, 12,1 M€), as rehabilitacións integrais do Instituto Alfredo Brañas (Carballo, 1,7 M€), Colexio Pedro Barrié de la Maza (Sada, 1, 6M€), Colexio Plurilingüe Barrié de la Maza (Santa Comba, 1,3 M€) e Instituto Manuel Murguía (Arteixo, 1,3 M€), así como a reforma do almacén para equipamentos que a Consellería ten na Estrada (1,5 M€).

Entre as actuacións que se licitarán nos próximos meses destaca a construción do novo IES Domingo Villar, en Navia (Vigo, 19 M€), autorizada precisamente no Consello da Xunta celebrado hoxe. Licitarase, asemade, a ampliación do Colexio Rosalía de Castro (O Grove, 1,7 M€), así como as rehabilitacións integrais do Centro Integrado de FP Ánxel Casal-Monte Alto (A Coruña 2,4 M€) e Instituto Xelmírez II (Santiago de Compostela, 1,8 M€).

Tamén está prevista a reforma do pavillón do Colexio Veleiro-Docampo (Castro de Rei, 490.000 €), o peche perimetral do Colexio Gregorio Sanz (Ribadeo, 327.000 €) e a mellora da instalación eléctrica do Centro Integrado de FP Carlos Oroza (Pontevedra, 184.000 €).

Plan Ben_estar 2025

Xunto ás grandes obras, cuxo prazo de execución excede pola dimensión os meses de verán pero que se intensifican nesta época estival, están tamén as actuacións de mediana e pequena envergadura, moi necesarias para o funcionamento do día a día dos centros e moi apreciadas pola comunidade escolar. Nese caso, as obras agrúpanse a través do denominado Plan de benestar e accesibilidade na escola, Ben_estar 2025.

Neste caso, a Consellería de Educación “ten previsto un paquete de 227 obras en 194 centros por case 3,2 M€. Isto inclúe reparacións varias, traballos de pintura, pequenas reformas da instalación eléctrica, de fontanería, saneamento e baños ou calefacción. Tamén melloras en patios, cambios puntuais de fiestras, portas ou lucernarios, renovación de equipamento de cociña ou adaptación de espazos, entre outros.

Segundo detallou o presidente, na provincia de Coruña están previstas un cento de actuacións cun importe de case 1,2 M€, na de Lugo 48 obras por preto de 710.000 €, en Ourense 52 intervencións cun orzamento de case 530.000 € e en Pontevedra 27 melloras cun custo de 765.000 €.

Galicia

 

Actuacións

Importe

Grandes obras en marcha

83

103.363.185

Ben_estar verán 2025

227

3.165.713

 

310

106.528.898

A coruña

 

 

 

Actuacións

Importe

Grandes obras en marcha

31

42.899.716,28

Ben_estar verán 2025

100

1.164.781,63

 

131

44.064.498

Lugo

 

 

 

Actuacións

Importe

Grandes obras en marcha

12

7.121.186

Ben_estar verán 2025

48

707.385

 

60

7.828.571

Ourense

 

 

 

Actuacións

Importe

Grandes obras en marcha

8

4.738.821

Ben_estar verán 2025

52

528.815

 

60

5.267.636

Pontevedra

 

 

 

Actuacións

Importe

Grandes obras en marcha

32

48.603.462

Ben_estar verán 2025

27

764.731

 

59

49.368.193

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2025