O presidente da Xunta participa na xornada Galicia Conecta, organizada por Telefónica na Cidade da Cultura, e centrada nas tecnoloxías cuánticas

Rueda salienta a aposta de Galicia por liderar a revolución cuántica con talento propio e infraestruturas de referencia

Destaca que o “ecosistema TIC” xerado nos últimos anos, sitúa á comunidade “nunha boa situación” para aproveitar “a oportunidade” das tecnoloxías cuánticas

Aposta por transferir os resultados da investigación ao sector privado para que os avances “teñan aplicación no mundo real”

Resalta o compromiso da Xunta con impulsar o I+D+i en Galicia e xerar e atraer talento científico

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor esta mañá a capacidade de Galicia para situarse á vangarda da tecnoloxía cuántica no contexto europeo, apoiándose en infraestruturas pioneiras como o computador cuántico QMIO -o máis potente do sur de Europa nunha institución pública- e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). “Nos últimos anos logramos en Galicia un ecosistema TIC que nos coloca en boa posición par dar o salto e aproveitar as oportunidades da tecnoloxía cuántica”, indicou. 

Durante un diálogo conxunto co presidente de Telefónica España, Borja Ochoa, no marco da xornada Galicia Conecta, Rueda subliñou que a Xunta fai “unha aposta decidida” por este sector con apoios e atendendo as necesidades que van xurdindo.

Rueda incidiu ademais na importancia de conectar investigación, empresas e startups para levar a tecnoloxía cuántica do laboratorio ao mercado, xerando innovación con impacto social e económico. “É necesario impulsar a transferencia das investigacións ao sector privado senón estaremos ante avances, pero sen desenvolvemento”, indicou para salientar a importancia de que os resultados do I+D cheguen á sociedade para “ter unha aplicación no mundo real”.

O xefe do Executivo autonómico tamén destacou a relevancia do capital humano, sinalando que Galicia conta cunha base de talento altamente formado grazas ao sistema universitario e a programas especializados, como o Máster en Tecnoloxías Cuánticas. Centros como o Vigo Quantum Communication Center (VQCC), vencellado á Universidade de Vigo, están a atraer perfís internacionais, favorecidos pola existencia dun ecosistema colaborativo estruturado a través da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas. 

A Xunta aspira a converter Galicia nun territorio líder en investigación e aplicación de tecnoloxías cuánticas, apoiando solucións industriais reais e fomentando ao mesmo tempo emprego cualificado para que a mocidade galega poida desenvolver o seu futuro sen ter que marchar. 

Rueda referiuse tamén ao papel decisivo da I+D+i como motor de oportunidades, especialmente para o talento investigador máis novo. Baixo a marca I+G+i, que sinala o traballo galego neste eido, lembrou que a Xunta conta cun plan “dotado con máis de 1.300 millóns de euros ata 2027” para impulsar a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento. O titular do Goberno galego defendeu que esta estratexia permitirá reter perfís cualificados, fomentar vocacións científicas e favorecer a creación de proxectos transformadores que dean lugar a novas empresas innovadoras e emprego de calidade. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2025