O Consello Galego de Intelixencia artificial debate o programa para o desenvolvemento e aplicación desta tecnoloxía na Xunta ata 2027
Na primeira reunión executiva deste órgano, creado para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, debatéronse as liñas da resposta de Galicia á consulta da Comisión Europea sobre os sistemas de IA de alto risco
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2025
O Consello Galego de Intelixencia Artificial celebrou esta semana a súa primeira reunión executiva tras a súa constitución o pasado 25 de abril. Na reunión deuse conta das aportacións dos integrantes do Consello ao Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027, que será elevado ao Consello de Goberno da Xunta proximamente. Este Programa busca consolidar a Galicia como referente no desenvolvemento e aplicación da IA, acelerando a adopción desta tecnoloxía en todos os sectores da sociedade galega. Neste sentido, Galicia foi unha das tres primeiras Comunidades en aprobar unha estratexia propia de IA e a primeira rexión europea en aprobar unha lei para o seu desenvolvemento e uso na Administración e a súa promoción na sociedade.
Os integrantes deste órgano de participación e asesoramento puideron tamén escoitar as expectativas das persoas con discapacidade con respecto ao desenvolvemento desta tecnoloxía, da man de Luciano Fernández Pintor, vicepresidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), entidade convidada a esta primeira xuntanza.
O Consello Galego de IA foi creado pola Lei 2/2025, de 2 de abril, para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia artificial en Galicia como máximo órgano colexiado de participación pública, privada e do coñecemento. Forman parte do Consello responsables de diferentes departamentos da Administración autonómica, representantes das universidades, colexios profesionais, centros tecnolóxicos, e axentes sociais.
O Consello foi informado dos proxectos piloto que se están a encargar ás empresas adxudicatarias do Acordo Marco para a introdución de tecnoloxías disruptivas no ámbito do sector público autonómico en departamentos como a Asesoría Xurídica ou a Intervención.
Por último, informouse sobre as liñas da resposta que Galicia prepara para a consulta aberta da Comisión Europea sobre os sistemas de IA de alto risco.