A Xunta licita por máis de 35 M€ á adquisición de válvulas cardíacas con destino ás unidades de Cardioloxía do Servizo Galego de Saúde

A adquisición de diferentes próteses valvulares aórticas, tricuspídeas e pulmonares transcatéter suporá un investimento de 35,6 millóns de euros  

Este material sanitario permite restaurar a función valvular e mellorar os síntomas vencellados ás insuficiencias cardíacas sen necesidade de cirurxías abertas

O contrato terá unha duración inicial de dous anos, cunha posible ampliación por 24 meses máis

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata vindeiro 8 de agosto para presentar as súas ofertas 

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2025

A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por un importe de 35.625.522 de euros, a adquisición de válvulas cardíacas con destino ás unidades de Cardioloxía do Servizo Galego de Saúde.

Este material sanitario permite restaurar a función valvular por vía percutánea. Trátase dunha innovación clínica que representa un grande avance para os pacientes con alto risco cirúrxico, ao posibilitar a recuperación valvular por medio dun acceso que se realiza mediante os grandes vasos, e co que se evita a necesidade dunha cirurxía aberta.

Entre os beneficios que derivan da abordaxe da patoloxía valvular por vía percutánea atópanse a redución de posibles complicacións postoperatorias, a redución dos tempos de recuperación e tamén a necesidade dunha menor estancia hospitalaria.

Cómpre destacar que se trata da segunda compra centralizada que a Xunta realiza sobre este tipo de material sanitario, que terá como destino os hospitais da Coruña, Santiago de Compostela e de Vigo. 

O contrato terá unha duración inicial de 2 anos, contemplando unha posible prórroga por outros 24 meses, chegando neste caso o valor estimado ata os 71,2 millóns de euros. 

Con esta modalidade de compra, o Executivo galego agarda un aforro de máis de 923.000 euros ao ano, o que supón 3,7 millóns de euros para os catro anos que prevé o contrato, contando as posibles prórrogas. 

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o día 8 de agosto para presentar as súas ofertas.

Diversos tipos de válvulas cardíacas

Entre os 14 lotes que integran o expediente, destacan tres tipos de próteses valvulares cardíacas biolóxicas percutáneas. Por unha banda, as próteses valvulares aórticas percutáneas, que se implantan en pacientes con estenose aórtica severa e que non poden ser intervidos mediante cirurxía convencional por ser considerados de alto risco ou, directamente, non operables.

Así mesmo, adquiriranse próteses valvulares tricuspídeas percutáneas, para responder á necesidade de dispor de alternativas avanzadas para o tratamento da insuficiencia tricuspídea en pacientes seleccionados. 

Tamén se dotará a estes tres hospitais galegos de próteses pulmonares transcateter, o que constitúe unha alternativa minimamente invasiva á cirurxía convencional en pacientes con disfunción do tracto de saída do ventrículo dereito.

 

Data de actualización: 12/07/2025