María José Gómez salienta o papel da viticultura na protección da paisaxe e o patrimonio da Ribeira Sacra
A conselleira do Medio Rural participou hoxe na entrega dos XXIX Premios das Catas dos Viños da Ribeira Sacra, celebrada no concello lucense de Pantón
A Consellería destinou este ano máis de 1,3 millóns de euros para as axudas á conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, das cales se beneficiaron 800 viticultores da denominación de orixe
Ademais, Gómez destacou o apoio do seu departamento ao sector vitícola con outras liñas de achegas como son a reestruturación e reconversión de viñedo ou aquelas destinadas á produción, promoción e comercialización dos produtos
Pantón (Lugo), 11 de xullo de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe o papel da viticultura na protección da paisaxe e o patrimonio da Ribeira Sacra, a través da obtención duns viños de alta calidade nun territorio recoñecido pola súa beleza dentro e fóra das nosas fronteiras. Así o trasladou hoxe na entrega dos XXIX Premios das Catas dos Viños da Ribeira Sacra, celebrada en Pantón, e na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; polo delgado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Durante a súa intervención, a titular de Medio Rural fixo fincapé no gran labor que realizan os viticultores desta zona por manter a calidade dos viños e o xeito ancestral de colleitalo en grandes pendentes, moitas veces sen máquinas, que fan desta tarefa unha viticultura heroica. Ademais, tivo unha especial mención para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade da Unesco polo seu “valor universal excepcional”, así como pola súa “riqueza natural, cultural e histórica”.
Neste sentido, a Consellería do Medio Rural contribuíu á protección da paisaxe da Ribeira Sacra coa primeira convocatoria das axudas á conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos nesta zona. Con estas achegas que se resolveron o pasado 20 beneficiouse a 800 viticultores inscritos na Denominación de Orixe Ribeira Sacra para actuar nunha superficie de 810 hectáreas de viñedo cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros.
Compromiso da Xunta co sector
A conselleira do Medio Rural tamén salientou que os viños da Ribeira Sacra son un “gran embaixador” da Galicia Calidade e por iso amosou o compromiso do Goberno galego para que poidan seguir traballando con eses niveles de excelencia.
Neste senso, María José Gómez puxo en valor as liñas de apoio coas que conta a Consellería do Medio Rural para potenciar este sector, de relevancia para a economía galega. Resaltou achegas como as de reestruturación e reconversión de viñedo ou aquelas destinadas á produción, promoción e comercialización dos produtos. Ademais, tamén sinalou os esforzos en materia de sanidade vexetal.
Cómpre salientar que esta mesma semana, no Consello da Xunta aprobáronse unha axudas de apoio aos consellos reguladores das denominacións de orixe protexidas e das indicación xeográficas protexidas para gastos de funcionamento, cun orzamento de 540.000 euros, dos cales 30.000 se destinan para a DO Ribeira Sacra.
A conselleira rematou a súa intervención resaltando que estes premios recoñecen o talento, a innovación e o compromiso de todas as persoas que forman parte do mundo da viticultura e trasladou os seus parabéns aos gañadores.