Medio Rural impulsa o sector avícola galego a través de achegas para a transformación e comercialización de produtos agrarios, dotadas con 23 M€
A conselleira María José Gómez visitou as instalacións da explotación de Ecocentro para a produción de ovos campeiros, a cal foi beneficiaria destas achegas por valor de case 1 millón de euros
A titular do departamento lembrou que se vén de ampliar o orzamento destas axudas con 23 millóns de euros ata o ano 2028
Ademais, salientou a aposta desta entidade pola innovación tecnolóxica e pola diferenciación dos seus produtos de alta calidade, situándoa como unha das principais empresas galegas produtoras de ovo campeiro en Galicia
Melide (A Coruña), 10 de agosto de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe o apoio do Goberno autonómico ao sector avícola galego, unha aposta que se manifesta a través de iniciativas como as achegas para a transformación e comercialización de produtos agrarios, que vén de aumentar o seu orzamento ata os 23 millóns de euros. Fíxoo nunha visita ás instalacións de El Huevo de la Abuela, marca da empresa Ecocentro, que producen ovos de galiña campeira en Melide, e que foi beneficiaria das axudas cunha achega de case 1 millón de euros para o desenvolvemento de varios proxectos.
Neste sentido, Gómez, que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, lembrou que se vén de ampliar a dotación orzamentaria desta partida, con 23 millóns de euros ata 2028, cando inicialmente estaba prevista con preto de 19. Detallou que a convocatoria, correspondente a este ano, contou por primeira vez con dúas liñas subvencionables, unha centrada na concesión de achegas que aumenten o valor das producións agrarias, que incrementou o seu orzamento ata os 15 millóns de euros; e outra novidosa para investimentos con obxectivos ambientais, dotada con 7,9 millóns de euros.
A maiores puxo en valor os investimentos desde o ano 2016 nesta materia, chegando a financiarse máis de 600 proxectos. En concreto, o Goberno destinou 195 millóns de euros para seguir potenciando a industria agroalimentaria galega a través da transformación e comercialización dos seus produtos.
Ecocentro e El Huevo de la Abuela
A conselleira resaltou na súa visita a aposta de Ecocentro pola innovación tecnolóxica e pola diferenciación dos seus produtos de alta calidade, con ovos campeiros comercializados baixo a marca El Huevo de la Abuela, e a cal a consolida como unha das principais empresas galegas produtoras de ovo campeiro en Galicia.
Neste senso, Ecocentro conta con máis de 220.000 galiñas e teñen unha produción semanal de 140.000 ovos campeiros. A maiores, dispoñen dunha capacidade de envasado de 480.000 ovos por xornada de traballo.