A Xunta lanza o programa Activa I+G+i cun investimento de case 53 M€ para fomentar a transferencia
Rueda anuncia a posta en marcha do primeiro programa de axudas ao abeiro do Plan galego de investigacón e innovación 2025-2027
Destaca que a previsión é mobilizar “máis de 100 M€” grazas a estas achegas
A Axencia Galega de Innovación publicará as convocatorias Nexos por 28 M€, unidades mixtas de investigación por 12 M€, fortalecemento de centros tecnolóxicos por 9,75 M€ e recuperación da excelencia Neotec por 3 M€
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello deu luz verde hoxe a destinar 53 millóns de euros á convocatoria das primeiras axudas orientadas a pemes enmarcadas no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 que buscan “impulsar a trasferencia de coñecemento” e potenciar unha I+D+i colaborativa. “É fundamental que os resultados da investigación se transformen nunha transferencia á vida económica que lles de utilidade e rentabilidade”, sinalou.
Rueda lembrou que o novo Plan de investigación está dotado “de máis de 1.300 millóns de euros” e que a previsión co programa de axudas Activa I+G+i hoxe aprobado é “lograr unha mobilización público-privada de máis de 100 millóns”.
Este primeiro programa, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, está composto pola convocatoria Nexos cunha achega de 28 M€, a convocatoria de unidades mixtas de investigación cun orzamento de 12 M€, a convocatoria de fortalecemento de centros tecnolóxicos con 9,75 M€ e a de recuperación da excelencia Neotec con 3 M€.
Unha nova liña: Nexos
En concreto, tal e como explicou Rueda, a convocatoria Nexos —a máis alta da historia para convocatorias destas características con 28 M€— busca incrementar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial galego en ámbitos estratéxicos fomentando a cooperación entre empresas para que “pemes e centros de coñecemento colaboren en proxectos de I+D+i”. A convocatoria, que dura catro anualidades ata 2028, prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios e, así, mobilizar preto de 47 M€.
Entre as novidades desta convocatoria novidosa destaca a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas. Con esta nova convocatoria o Goberno galego quere continuar impulsando o vínculo entre empresas e centros tecnolóxicos para reforzar a transferencia de coñecemento e fortalecer o eido científico en Galicia en beneficio da sociedade.
12 M€ para as unidades mixtas
Outra das liñas de axuda do programa Activa I+G+i é a convocatoria de unidades mixtas de investigación. A Consellería de Ciencia destina a súa oitava edición un total de 12 M€ en tres fases: creación de novas unidades mixtas, consolidación das creadas en 2020 e 2022 e creación e consolidación de centros mixtos de investigación. Entre as novidades deste ano destaca que a agrupación que se presente á convocatoria debe contar polo menos cunha pequena ou mediana empresa. A Xunta agarda unha mobilización que chegue a 30 M€ co foco posto en desenvolver iniciativas colaborativas mediante a creación de consorcios estratéxicos entre organismos de investigación e empresas.
Coa posta en marcha desta iniciativa no ano 2014, o programa permitiu apoiar un total de 54 unidades mixtas —39 novas, 12 de consolidación e tres centros mixtos de investigación— nas cales participaron 39 empresas e 14 centros de coñecemento galegos, o que deu emprego a preto de 830 profesionais e mobilizou máis de 152 M€. Exemplos desta iniciativa son o Centro Mixto de investigación UDC- Navantia O estaleiro do futuro ou o Centro Mixto CIGAT Circular de Viaqua – Cetaqua, entre outros. O primeiro logrou incorporar a innovación a xeración de fragatas F-110 o que posibilita a mellora na seguridade dos buques e a redución de custos operativos, entre moitas outras vantaxes. O segundo, por exemplo, traballa na mellora da sustentabilidade e a eficiencia do ciclo da auga na EDAR de Ourense co obxectivo de reintroducir residuos de orixe industrial, urbano, agrícola e rural na cadea produtiva.
Centros tecnolóxicos
No que respecta á convocatoria de fortalecemento de centros tecnolóxicos, Rueda resaltou que a Xunta apoia a estas entidades mediante investimentos “para a creación e mellora de infraestruturas de investigación e tecnolóxicas”. Cun orzamento de 9,75 M€, distribuído en catro anualidades (ata 2028), agárdase unha mobilización público-privada de 19,5 M€.
Como novidade, este ano os centros que acollen equipamentos financiados na convocatoria anterior poderán financiar este ano obras neses espazos sen necesidade de adquirir novo equipamento na solicitude. A convocatoria de 2025 é a cuarta edición desta liña de axudas, que apoiou nas tres edicións anteriores un total de 19 proxectos cun investimento de case 20 M€.
Rescate de proxectos sen apoio estatal
Por último, a convocatoria de recuperación da excelencia Neotec é un instrumento que permite financiar aquelas empresas con base tecnolóxica que superaron os limiares mínimos establecidos na convocatoria estatal Neotec do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), pero que non obtiveron financiamento por esta vía. Isto rescata iniciativas que, doutro xeito, non terían viabilidade para avanzar.
Esta axuda, “que terá un orzamento de 3 M€” e conta con acadar os 5 M€ mobilizados, prevé apoiar 10 proxectos, que se sumarán aos 28 proxectos apoiados desde 2021 con máis de 7 M€. Como novidade este ano, a convocatoria é en réxime de concorrencia non competitiva, polo que non haberá un proceso de avaliación dos proxectos e as subvencións concederanse por orde de entrada.