A Xunta remata as obras de reforma do centro de saúde de Domaio, en Moaña, logo dun investimento de preto de 400.000 euros

Esta actuación de mellora supuxo a substitución da carpintería exterior de aluminio, dos paneis da fachada e a impermeabilización das cubertas 

Tamén se substituíu o falso teito da zona de aparcadoiro e acometéronse reparacións nos accesos e na zona das caldeiras

O Concello de Moaña pode agora iniciar os traballos para corrixir as patoloxías de conservación e mantemento, conforme ao previsto no convenio de colaboración asinado coa Consellería de Sanidade

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025

A Xunta vén de rematar as obras de reforma do centro de saúde de Domaio, en Moaña, logo dun investimento do Executivo galego de preto de 400.000 euros.

A reforma deste centro de saúde de Moaña incluíu a substitución da carpintería exterior de aluminio, dos paneis da fachada e a impermeabilización das cubertas co obxectivo de evitar filtracións de auga. 

Tamén se procedeu á substitución do falso teito na zona de aparcadoiro, á reparación das armaduras dos piares e á mellora da rampla de acceso, coa disposición de novo pavimento e a substitución da varanda. Ademais da realización de traballos de protección das caldeiras fronte a posibles inundacións.

De acordo co previsto no protocolo de colaboración asinado entre o Concello de Moaña e a Consellería de Sanidade, a administración local xa pode iniciar os trámites e as obras para a corrección das patoloxías de conservación e mantemento, completando así o proceso de mellora deste servizo esencial para a comunidade.

Data de actualización: 17/07/2025