A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, dirixiu esta mañá unha nova reunión da comisión mixta constituída polo Goberno galego e a FEGAMP para o traspaso destes dispositivos municipais

A Xunta traslada aos concellos os informes elaborados para guiar a integración das unidades asistenciais de drogodependencia municipais no Servizo Galego de Saúde

As ponencias técnicas creadas no seo da comisión mixta do traspaso presentaron os informes elaborados, que os municipios deberán agora revisar e completar para comezar a materializar a integración

A comisión mixta para o traspaso estableceu o 31 de xullo como data para recibir os datos pendentes co fin de volverse reunir no mes de setembro

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025

O edificio administrativo da Consellería de Sanidade acolleu hoxe unha nova xuntanza da comisión mixta constituída entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das trece unidades asistenciais de drogodependencias (UAD) de titularidade municipal. A xuntanza foi convocada para avanzar no proceso de integración deses dispositivos asistenciais municipais no sistema público de saúde de Galicia, xa iniciado no ano 2007 coa súa integración funcional.

Na reunión de hoxe, que estivo dirixida pola secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, procedeuse á presentación, por parte das ponencias técnicas creadas no seo da comisión, dos informes elaborados ao respecto. Eses informes foron trasladados aos representantes dos concellos para que as entidades locais implicadas poidan revisalos e completalos cos datos pendentes.

A comisión estableceu o 31 de xullo como data límite para recibir a información dos concellos que resta por incorporar aos informes co fin de volverse reunir no mes de setembro para aprobar xa eses informes e avanzar así novos pasos para comezar a materializar a integración das unidades no Servizo Galego de Saúde.

As unidades asistenciais de drogodependencia municipais están emprazadas nos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte de Lemos, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

As ponencias técnicas especializadas, unha referida ao persoal e outra aos inmobles, compostas por catro membros cada unha delas, dous en representación da Administración autonómica e dous en representación da Administración local, foron as encargadas de analizar a situación de cada unha das unidades e de elaborar o informe  coa situación dos medios humanos e materiais a traspasar, que hoxe presentaron á comisión mixta.

Investimento de máis de catro millóns de euros

Cómpre lembrar que o Goberno galego autorizou na reunión do Consello da Xunta desta semana a renovación da sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias para realizar programas de atención e protección da saúde no eido das adiccións.

En virtude deste acordo, a Xunta achegará 4.022.800 euros para o financiamento das actuacións e programas que realicen as unidades de drogodependencia e de día de titularidade municipal.

O obxecto deste convenio que se vén de renovar establece as condicións que rexen a relación entre a Xunta, a Fegamp e os concellos que se adhiran e acepten as bases que regulan o financiamento e o desenvolvemento de programas de axudas para unidades asistenciais de drogodependencias e unidades de día.

Con este acordo, o Executivo galego dá continuidade aos servizos que xestionan as entidades locais no relativo a prestacións de atención sanitaria aos trastornos adictivos existentes en cada unha delas e fortalece unha asistencia sanitaria accesible e de calidade, fomentando a promoción da saúde e ampliando as medidas para evitar ou diminuír o consumo de substancias prexudiciais para a poboación galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2025