Román Rodríguez felicita polo seu 10º aniversario ao CRETUS, que conta cun apoio da Xunta de máis de 3 M€

O conselleiro destaca o labor do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da USC, acreditado polo Goberno galego como membro da Rede CIGUS pola súa excelencia

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe no acto conmemorativo do 10º aniversario do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, onde felicitou ao seu equipo polo seu traballo e compromiso cun modelo de ciencia avanzada, con vocación aplicada e enfoque multidisciplinar.

“O CRETUS é un exemplo de como combinar talento, excelencia e visión de futuro ao servizo dos grandes retos ambientais que afrontamos como sociedade”, afirmou sobre este centro, un dos máis recentes en acadar a acreditación de excelencia da Xunta de Galicia, o que lle permitiu incorporarse en 2023 á Rede CIGUS.

Ao abeiro deste recoñecemento, o Goberno galego destina ao CRETUS un apoio económico de preto de 1,6 millóns de euros ata 2027, que garante a continuidade da súa actividade científica. Este investimento forma parte dos máis de 3 millóns de euros que a Xunta leva destinando a este centro nos últimos anos, consolidando así o seu respaldo á traxectoria. Neste senso, o conselleiro subliñou que a Xunta está a reforzar a Rede CIGUS cun aumento do orzamento do 31%, ata acadar os 23,6 millóns de euros “porque cremos nunha Galicia que aposta pola ciencia e pola transferencia de coñecemento como motor de desenvolvemento”.

Durante o acto, presentouse a estrutura científica do centro, que organiza o seu traballo arredor de oito liñas de I+D: remediación e uso sustentable do chan, tratamento e recuperación de augas, valorización de residuos, bioindicadores, integración de datos e modelado, monitorización fisicoquímica, procesos sustentables e impacto socioeconómico e ambiental. Trátase dun enfoque integrador que combina ciencias experimentais, sociais e da enxeñaría cun triplo obxectivo: diagnóstico, desenvolvemento tecnolóxico e medición do impacto.

Apoio do programa Oportunius

O CRETUS conta actualmente con 107 investigadores, dos cales o 56% son mulleres e o 12% persoal internacional. Entre eles figuran dous beneficiarios de proxectos do Consello Europeo de Investigación (ERC), apoiados a través do programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación da Xunta. O centro traballa en proxectos europeos punteiros como EQUALSEA, sobre adaptación transformadora ante desigualdades oceánicas, ou BIORECER, centrado na trazabilidade e sustentabilidade dos recursos biolóxicos.

No acto de conmemoración, Román Rodríguez tamén puxo en valor o apoio da Xunta á investigación excelente na Universidade de Santiago, que conta cun financiamento superior aos 12,7 millóns de euros para os seus cinco centros acreditados na Rede CIGUS, o que supón un incremento do 17% respecto ao período anterior.

Data de actualización: 18/07/2025