Este evento reúne na Coruña ao redor de douscentos investigadores de todo o mundo no ámbito da Física

A Xunta destaca no congreso Invisibles 2026 a aposta da I+G+i polo talento científico

A Xunta de Galicia apoia este encontro no marco da súa estratexia de captación e retención de talento investigador en Galicia

O programa Oportunius, creado no 2014 para atraer, reter e favorecer o retorno de investigadores excelentes, permitiu pasar de 7 a 57 proxectos con axudas do Consello Europeo de Investigación, liderados por 45 investigadores excelentes

A Coruña, 10 de agosto de 2026

A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, destacou a aposta da I+G+i polo talento científico esta mañá na apertura do congreso Invisibles 2026, que reúne na Coruña a 200 científicos de todo o mundo ao redor da física. A Xunta de Galicia apoia este encontro, cuxa conferencia inaugural correu a cargo do Premio Nóbel de Física 2015 Takaaki Kajita, no marco da súa política de captación e retención de talento científico cara a nosa comunidade.

A directora da Axencia apuntou que o apoio ao talento científico é unha das prioridades da Xunta de Galicia co obxectivo de converter Galicia nun lugar onde o persoal investigador excelente desexe desenvolver a súa carreira científica. Neste contexto, destacou o impacto do programa Oportunius, posto en marcha no 2014 para atraer, reter e favorecer o retorno de investigadores de excelencia, que ten permitido pasar de 7 a 57 proxectos do Consello Europeo de Investigación (ERC nas súas siglas en inglés) acadados, liderados por 45 investigadores, dos que 28 están actualmente contratados pola Xunta de Galicia como investigadores distinguidos.

Asesoramento ás candidaturas ás axudas Marie Slodowska-Curie

Ademais, estes proxectos teñen xerado un impacto económico de 123 M€ e máis de 320 postos de traballo altamente cualificados. Precisamente, Cotelo anunciou que os servizos do programa Oportunius abríronse tamén ás axudas posdoutorais Marie Slodowska-Curie (MSCA), a través dun servizo piloto de asesoramento ás candidaturas de universidades e centros de investigación. Neste senso, sinalou que “eventos como Invisibles 2026 son fundamentais para conectar a Galicia coa comunidade científica internacional , crear oportunidades para a mocidade investigadora e achegar á ciencia á sociedade”. Na última convocatoria das axudas MSCA foron seleccionadas quince propostas de Galicia, situándonos como cuarta comunidade en número de proxectos aprobados.

Simetrías e asimetrías do Universo

Invisibles26 é a reunión anual de ASYMMETRY, un proxecto Marie Skłodowska-Curie Staff Exchange da Comisión Europea no marco do programa Horizonte Europe. Entre os seus obxectivos está analizar as simetrías e asimetrías fundamentais que subxacen na materia invisible do Universo; os neutrinos, a materia escura e os chamados “sectores ocultos”.

Ao evento asisten durante cinco días arredor de 200 investigadores e investigadoras procedentes de universidades e institucións científicas de todo o mundo que traballan nesta materia, coincidindo coa eclipse solar total do 12 de agosto. Ademais, contou coa participación do profesor Takaaki Kajita, galardoado co Premio Nobel de Física en 2015 polo descubrimento das oscilacións dos neutrinos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2026