A Xunta presenta as campañas do programa ‘O teu comercio local é extraordinario’ impulsadas por cinco centro comerciais abertos da comunidade
Cunha achega do Executivo galego de preto de 200.000 euros, as accións celebraranse entre os meses de agosto e outubro e están impulsadas polos centros comerciais abertos de Ribadeo, Boiro, Ferrol, Marín e Rianxo
Estas cinco entidades foron seleccionadas entre as mellor valoradas na convocatoria de axudas deste ano, na que se apoiaron 54 CCA en toda Galicia cun investimento de 2,3 millóns de euros
As campañas inclúen actividades de dinamización, sorteos, música, animación e promoción do comercio local, co obxectivo de fomentar o consumo de proximidade e reforzar o papel do sector como motor económico e social
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia apoiará entre os meses de agosto e outubro cinco campañas de dinamización comercial extraordinarias no marco da iniciativa O teu comercio local é extraordinario, impulsadas polos centros comerciais abertos (CCA) de Ribadeo, Boiro, Ferrol, Marín e Rianxo.
Estas entidades foron seleccionadas entre as mellor valoradas na convocatoria de axudas deste ano, na que se apoiaron un total de 54 centros comerciais abertos de toda Galicia cun investimento global de 2,3 millóns de euros. Para estas cinco propostas en concreto o Executivo autonómico destinará preto de 200.000 euros, como recoñecemento á súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio.
As campañas teñen como obxectivo dinamizar o tecido comercial, fomentar o consumo de proximidade e reforzar o papel do comercio local como motor económico e social nas vilas e cidades galegas. Con estas accións extraordinarias, a Xunta pon en valor o esforzo e a creatividade dos centros comerciais abertos, consolidándoos como pezas clave no desenvolvemento urbano e económico no marco do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.
Calendario de dinamización
A primeira das accións desenvolverase en Ribadeo durante todo o mes de agosto coa campaña O noso comercio é vida, vive Ribadeo, organizada por Acisa. A proposta inclúe os Xoves abertos con música e premios, mercados de rúa con descontos e liquidacións, actividades dominicais no marco do Domingueo en Ribadeo, e a Semana Grande do 25 ao 31, con accións de ocio, multiaventura e gastronomía. A campaña culminará o día 31 coa Gran Festa de Verán e un sorteo presencial en directo.
En Boiro, a Asociación Boirense de Empresas celebrará entre o 16 e o 23 de agosto a campaña Compras con corazón, que será presentada oficialmente o día 12 dese mes cun acto na Praza de Abastos. O programa inclúe unha intensa actividade comercial e lúdica con animación infantil, gastronomía, espectáculos, música e sorteos diarios. A campaña rematará o sábado 23 cun evento final na Praza do Concello, onde se sortearán 5.000 euros entre a clientela participante.
Pola súa parte, Ferrol acollerá a iniciativa Comercios que contan historias, promovida polo Centro Comercial Aberto A Magdalena, coa intención de conectar o comercio local co patrimonio histórico e cultural da cidade a través de tres rutas temáticas. A campaña comezará o 29 de setembro cun concurso de escaparatismo e, dende esa data ata o 4 de outubro, as persoas que realicen compras nos establecementos participantes poderán optar a diferentes premios. Ademais, os días 3 e 4 de outubro haberá actividades como música, contacontos, xogos tradicionais e pasarrúas. Esta proposta destaca pola implicación directa de centros educativos e establecementos de hostalaría, promovendo unha experiencia compartida que combina cultura, lecer e dinamización económica.
A seguinte proposta extraordinaria terá lugar en Marín entre o 1 e o 11 de outubro, baixo o nome O Escaparate Estrela. A campaña, impulsada polo CCA Estrela, reunirá nun espazo estratéxico unha mostra representativa de produtos e servizos do comercio local. A clientela poderá participar estimando o valor do escaparate e accederá ao sorteo final durante unha gala o día 11. Ademais, quen empregue a aplicación Comercio de Marín terá máis oportunidades de gañar, reforzando así a dimensión dixital da iniciativa.
Finalmente, en Rianxo, a Asociación Rianxeira de Empresarios organizará os días 17 e 18 de outubro a campaña Rianxo Latexa, que encherá as rúas de actividades con participación do comercio e a hostalaría local. Desenvolveranse propostas no mercado municipal, tapas exclusivas, ofertas especiais, animación infantil, exhibicións deportivas, visitas guiadas e un gran sorteo final na Praza do Concello, cun ambiente festivo e participativo que implicará a toda a vila.